Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Os brancos segredos do seu ventre’ xa está no Gaiás

A exposición ofrece unha selección de 53 obras de arte contemporánea dos valiosos fondos da Fundación Rosón

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación RAC, Carlos Rosón, inauguraron onte na Cidade da Cultura a exposición Os brancos segredos do seu ventre, unha selección de 53 obras dos valiosos fondos da Fundación Rosón de Arte Contemporánea (RAC), colección privada situada en Pontevedra e que atesoura un dos fondos de creacións actuais máis relevantes de España. Nesta escolma, a comisaria da mostra, a crítica de arte Bea Espejo, ofrece un percorrido cromático, que vai da cor branca á negra, e que permite ver no Museo Centro Gaiás pezas de artistas de prestixio aquí e fora.

Na inauguración, o representante da Xunta de Galicia salientou a “oportunidade única” que supón ver estas obras de arte fóra das instalacións da Fundación Rac, xa que incidiu en que a mostra exhibe “unha das máis importantes coleccións de arte que conserva unha institución privada galega”.

Neste senso, puxo en valor o “importantísimo papel” de institucións e coleccionistas privadas, como a Fundación Rosón, na “preservación do legado cultural”. E lembrou que esta entidade está declarada Ben de Interese Cultural pola Xunta e distinguida Premio Arte e Mecenado da Obra social La Caixa co que se premia o compromiso privado co sistema artístico.

Na súa intervención, Bea Espejo explicou que para este proxecto ademais de centrarse nun criterio cromático, tamén se inspirou no propio arquitecto da Cidade da Cultura, Peter Eisenman, quen a través das páxinas da obra mestra de H. Melville, Moby Dick, imaxinou para o Gaiás un museo con “esqueleto de cetáceo”. Deste xeito, a comisaria indicou que o deseño expositivo emula o ventre dunha balea “no interior da cal esta exposición provoca que a arte despregue o seu universo de cores”, afondou.

O presidente da Fundación RAC, Carlos Rosón, apuntou que esta selección de medio cento de obras (entre as que se encontran fotografías, pinturas, instalacións, figuras ou obxectos cotiás revisionados en uso e dimensións) e que foron integrando a súa colección nos últimos 30 anos.

Deste xeito, en Os brancos segredos do seu ventre exhíbense obras de recoñecidos artistas internacionais da arte contemporánea, como son Tracey Moffatt, que é un referente da xeración creativa coñecida como os Young British Artists dos 80-90 xunto a Damian Hirst; John Baldessari cumha mostra da súa xenialidade na retranca conceptual; Tacita Dean cunha instalación pictórica de grandes dimensións; David Zink Yi cunha lura xigante de porcelana enchoupada en tinta; ou Roman Signer cunha reconstrución dunha casa para facer repensar as connotacións tradicionalmente asociadas, sobre todo as adquiridas tras a pandemia. Nesta escolma están tamén artistas españois, como Ignasi Aballí, Carmen Calvo, Eulalia Valldosera ou Pepe Espaliú.

19 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.