Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os cadernos de Picasso

Hai 50 anos doou ao museo barcelonés os seus cadernos de mocidade

Antes de pasar á versión en cadro ou en volume, é frecuente que pintores e escultores traballen previamente en caderno as ideas que lles veñen aos miolos. E Pablo Picasso, desde ben novo, non foi excepción. Con el, sempre levou un pequeno caderno –para poder gardalo nun peto- para recoller tanto as ideas que tiña como a maneira de diario plástico. Os expertos no pintor malagueño calculan que chegou a ter uns douscentos e nun deles escribiu “Je suis le cahier”. Mostra da importancia que lles daba é que sempre os gardou.

Deses cadernos (cento setenta e cinco conservados), o Museu Picasso de Barcelona ten os dezasete que en 1970 doou e outros dous adquiridos nos anos posteriores (“Carné catalán” -ou “Carné de Gòsol”- e “Carné da Tauromaquia”). Agora son mostrados na exposición Picasso. Os cadernos (18 de decembro de 2020 – 4 de abril de 2021) e podemos atopar os momentos nos que Picasso se encarou cos grandes (Velázquez, Greco, Goya) cando visitou o Museo del Prado, e na exposición son postos en contexto con algúns dos cadros dos mestres.

Estes materiais non sempre foron considerados á hora de catalogar a obra de Picasso. Unicamente e para unha exposición celebrada na Pace Gallery de Nova York, fíxose un inventario dos cadernos pero apenas uns poucos foron analizados. Para a presente exposición barcelonesa, o museo fixo o esforzo de dixitalizar os cadernos que conserva e publicalos en formato catálogo.

Malia consideralos material íntimo, Picasso permitiu a reprodución dalgúns debuxos no catálogo xeral do crítico grego Christian Zervos (33 volumes), un deles completo nunha edición de luxo feita polo museo Berggruen de Berlín, e algúns facsímiles por Gustavo Gil, editor barcelonés amigo do pintor. O maior volume de cadernos picassianos emerxeu cando os seus herdeiros doaron ao Estado francés boa parte das obras que o seu taller gardaba (a maneira de pago fiscal), entre elas trinta e dos cadernos, que tempo despois víronse incrementados.

Malia a previsible desorde que cabería considerar a priori, os cadernos observan unha disciplina considerable á hora de organizar os contidos, especialmente os feitos a partir da primeira madureza. Entre os cadernos do museo barcelonés están os da súa infancia malagueña e da súa mocidade entre A Coruña e Barcelona. Da súa estancia coruñesa (1891-1895) quedaron rexistrados os debuxos que fixo nos seus paseos desde a súa casa ata á praia de Riazor. A familia regresou a Málaga durante o verán para preparar a súa instalación en Barcelona. Na viaxe cara á capital catalá, pararon en Madrid, onde o Picasso mozo tivo ocasión de visitar o Museo del Prado, onde descubriu os grandes clásicos españois.

Máis alá da importancia dos rexistros gráficos, o seu estudo deixa evidente o método de traballo daquel mozo Pablo Ruiz Picasso: rigor sistemático á hora de enfrontarse aos pintores clásicos ou aos problemas compositivos; intercalación de debuxos lixeiros e caricaturas; variedade de motivos, xéneros e técnicas; alternancia entre o academicismo e a intuición.

A observación destes cadernos xa demostra o xenio de Picasso, especialmente cos debuxos feitos ao aire libre lle permitían evadirse da rixidez do ensino academicista. Cando marchou a Madrid entre 1897 e 1898 para ampliar estudos na Academia de San Fernando, a súa verdadeira escola foron os clásicos do Museo del Prado. Regresado a Barcelona cando colleu a escarlatina, dúas estancias rurais foron determinantes para establecer as primeiras orientacións da súa futura pintura: as cubistas nas liñas das casas de Horta de Sant Joan e o hieratismo da virxe románica de Gòsol, que despois reflectirá en máscaras. Despois de entrar en contacto coa vangarda barcelonesa da taberna de Els Quatre Gats, Picasso viaxou a París por primeira vez. Eran meses nos que aínda tiña influencias modernistas e simbolistas e nos que descubre os impresionistas.

Xa da súa madureza, o Carné Pepe Illo. Tauromaquia recolle a paixón que Picasso sentía polos touros en tanto que manifestación cromática, tráxica e mitolóxica, presente en terras occitanas tanto na cría na Camarga provenzal como en prazas históricas (Nimes).

Joaquim Ventura

24 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito