Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os expertos reivindican a catalogación e protección do patrimonio ferroviario

Luis Blanco e Carlos Abellán explican as súas experiencias no CCG como directores dos Museos de Monforte e Madrid

Viadutos, pontes, túneles, máquinas, estacións de trens... Galicia conta cun abondoso patrimonio vencellado á construción do ferrocarril. Do estado actual e dos retos que quedan por facer falaron historiadores e xestores de museos no Consello da Cultura Galega na xornada “ no Ano Europeo do Ferrocarril”. A cita,, puxo de manifesto a importancia de catalogar e protexer este tipo de patrimonio para a súa posta en valor, así como reforzar, o Museo do Ferrocarril existente en Monforte para equiparalo a outros centros a nivel español, segundo explicou Luis Blanco Gómez, o seu director.

Á altura de maio de 2020, só 5 dos 744 Bens Declarados de Interese Cultural en Galicia respondían á categoría de patrimonio industrial. “Unha cifra bastante significativa tendo en conta a importancia que tivo para Galicia este patrimonio en diferentes momentos: as conserveiras, os estaleiros, a explotación do volframio, a industria cerámica...” apuntou na inauguración da xornada Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora do encontro xunto con María Xosé Porteiro. A xornada ce lebrouse este mércores con motivo do aniversario da inauguración do Viaduto de Gundián, en Vedra, no que se completou o último tramo da conexión de Galicia coa Meseta; e porque tamén confluían outras celebracións: os 140 anos da chegada do ferrocarril a Galicia, así como a delcaración deste 2021 como o “Ano Europeo do Ferrocarril” polo Consello de Europa

Durante a sesión, unha das principais conclusións acadadas é que urxe un inventario do inxente patrimonio que hai en Galicia vencellado ao ferrocarril e que vai desde o material (infraestruturas, pontes, maquinaria...) ata o inmaterial (historias vencelladas ás vivencias das persoas, ao sindicalismo derivado da construcións dos trazados....) “Cómpre a localización, documentación e catalogación dese patrimonio” explicou Rebeca Blanco-Rotea quen tamén considera que “non se pode facer posta en valor se non se coñece”.

A segunda das conclusións desta cita pasa polo recoñecemento de “de que hai que aproveitar as experiencias realizadas durante anos desde entidades como a Asociación de Amigos do Ferrocarril e outras entidades públicas e privadas” afirmou Blanco-Rotea. Cómpre conectar os protocolos de actuación en materia de patrimonio coas experiencias previas.

Impulso ao plan museolóxico. En terceiro lugar, tendo en conta que na actual Lei de Patrimonio Cultural xa hai un capítulo específico de patrimonio industrial, cómpre artellar un plan específico para o patrimonio ferroviario. E, por último, cómpre tamén converter o actual Museo do Ferrocarril de Galicia, nun centro de primeiro nivel que teña orzamento, persoal e un plan museográfico e museolóxico. No marco desta xornada o director do Museo do Ferrocarril en Monforte, Luís Blanco Gómez, puxo de manifesto o estado actual deste centro que contrasta coa situación do Museo do Ferrocarril de Asturias ou a do Museo Vasco do Ferrocarril que debuxaron os seus directores, Javier Fernández López e Juanjo Olaizola, respectivamente. Completou a visión doutros centros Carlos Abellán, que contou a súa experiencia á fronte do Museo do Ferrocarril de Madrid e a propia María Xosé Porteiro quen, alén de coordinadora da xornada e dunha das mesas, foi tamén directora do Museo do FC-Delicias e da Comunicación da Fundación de los Ferrocarriles Españoles. Nas súas intervencións tamén destacaron a importancia de que este tipo de centros se adscriban aos departamentos de cultura e non de fomento e de transportes como están actualmente.

Cultura e patrimonio. Neste dia, diferentes especialistas completaron a radiografía da situación do ferrocarril en Galicia. Amosaron que existen moitas liñas por facer, como o gran proxecto fallido do ferrocarril central que vertebraría o territorio galego tal e como apuntou Xosé Ramón Veiga Alonso. Outros especialistas, como o ilustrador, escritor e divulgador, Francisco Boluda máis a arqueóloga Nieves Amado, abordaron a perspectiva do asociacionismo e actividades culturais en diferentes territorios que recuperan a riqueza social e cultural que produciu na sociedade. Nesta liña de traballo o xornalista Rafa Cid escolmou algúns fragmentos do seu documental “Carrilanos: os túneles dun tempo” que completou a perspectiva social desta infraestrutura.

O programa rematou cun recitado do coñecido poema de Curros Enríquez “Na chegada a Ourense da primeira locomotora” a cargo de nenas e nenos de Celanova, coa colaboración da fundación que leva o nome do escritor.

Esta xornada sitúase nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que este semestre pretende poñer o foco no patrimonio industrial, encadrado nos chamados patrimonios emerxentes.

08 sep 2021 / 20:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.