Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os ‘Mestre Mateo’ ao virar a esquina

A gala será presencial, con seguridade, e televisada: “Querémonos achegar á xente, vai valer para desconectar e ímolo pasar ben” // O próximo 10 de abril ten lugar a cita máis importante do audiovisual galego

Hai uns días tivo lugar o anuncio dos nomeados, no teatro Colón da Coruña, da próxima edición dos Premios Mestre Mateo. A pesar de ter que ser adiados por mor da COVID, os galardóns veñen máis fortes ca nunca con máis de 400 propostas que foron presentadas para demostrar que o sector audiovisual galego segue en primeira liña, e que a cultura é segura. A gala celebrarase o 10 de abril baixo os protocolos máis estritos contra a pandemia e asegurar así un bo transcurso da velada. A gran nomeada é ‘Ons’ que compite en 13 categorías, seguida da ‘Illa das Mentiras’ con 11. Para falar con maior coñecemento desta data que se achega, puxémonos en contacto coa Academia Galega do Audiovisual, onde nos atendeu Carmen Méndez, membro da Xunta Directiva da Academia e da Produción Executiva dos Premios, e tamén falamos coa actriz Isabel Garrido, nomeada na categoría de Mellor Interpretación Feminina de Reparto pola serie ‘El desorden que dejas’.

-Como vai ser a gala dos Premios Mestre Mateo deste ano?

Carmen Méndez. Vai ser unha gala un pouco diferente. Imos facer unha gala presencial, porque tamén queremos reivindicar a seguridade da cultura. Aplicaremos tódolos protocolos, coa redución do aforo do Teatro Colón, un corredor de acceso ao recinto para evitar aglomeracións, uso de máscara, xel e non entregar as figuras dunhas mans a outras. Terá lugar no Teatro Colón da Coruña, o próximo 10 de abril, dirixida por Tito Asorey e presentada por Lucía Veiga.

-Cres que a pesar dos protocolos, vai ser un gala que axude ao público a desconectar da situación que estamos a vivir?

Carmen Méndez. Por suposto. Estamos nunha situación particular pero tamén estamos a celebrar o noso audiovisual. Ademais, a gala emitirase pola TVG e vai haber un programa especial desde a alfombra vermella emitido en “streaming”. Querémonos achegar á xente, vai valer para desconectar e ímolo pasar ben.

Isabel Garrido. Todo o que se saia da “normalidade” que tivemos este ano de estar na casa, é dicir, todo o que sexa celebrar algo pero con protocolos vaise desfrutar desde as casas e vai ser unha gala entretida.

-Consideras que o nivel desta edición é máis alto que o das anteriores?

Carmen Méndez. A verdade é que hai moitísimo nivel. Pero leva habendo tanto nivel desde hai varios anos. Temos unha gran riqueza, un terreo audiovisual moi diverso, con moita repercusión.

Isabel Garrido. Eu creo que cada ano hai propostas distintas, que isto é o marabilloso e positivo deste traballo, de poder redescubrirnos e crear cousas novas que animen á xente. Os nomeamentos son moi diferentes e moi bos, eu non agardaba estar nomeada nin de broma.

-Tes algunha candidatura favorita ou aposta para o vindeiro 10 de abril?

Carmen Méndez. Non me podo mollar aquí, porque me gustan moitas cousas e non sabería dicir. Hai moitísimo nivel, vai estar moi complicado e vai ser moi difícil elixir.

Isabel Garrido. Non te vou mentir, eu aposto pola xente da miña equipa. Para min ‘El desorden que dejas’ foi unha experiencia marabillosa, tivo moi boa acollida e os nomeamentos son completamente xustificados. Pero eu son das que penso, sen cinismos, que o propio nomeamento é un honor moi grande. Eu xa “gañei”.

-Como cres que está a afectar a pandemia ao sector audiovisual galego?

Carmen Méndez. Ao sector cultural é a un dos que máis afecta. Paralizouse todo e agora volven coas medidas, pero isto fai que sexa máis complicado e difícil facer previsións a longo prazo. Pero tamén é un sector que se está adaptar moi rápido á situación, está a facer un gran esforzo.

Isabel Garrido. A pandemia está a afectar a tódolos sectores, pero creo que en especial no noso sector é algo distinto porque viuse que a xente non pode vivir sen cultura, sen música, sen películas ou sen concertos. Isto comprobouse agora que volveron abrir os cines e a xente esgotou entradas. Eu creo que volveremos con máis forza.

-Para rematar, que mensaxe che gustaría mandar á sociedade en relación á cultura?

Carmen Méndez. Primeiro, que a cultura é segura e necesaria. Vímolo no confinamento onde tiñamos que consumir moitas series e películas. Segundo, que debemos fomentala, coidala e darlle vida. Tamén me gustaría dicir que, a parte da gala, que é o que soe ter máis coñecemento, temos a 2ª edición da Semana do Cinema Galego con proxeccións e coloquios sobre as longametraxes finalistas, no Teatro Colón e comeza a finais deste mes de marzo.

Isabel Garrido. Pois que vaian ao cine, que escoiten música, que vexan series, que desfruten do que se pode agora e agardamos que se poida volver a bailar en concertos, ir a galas e encher as salas. Que apoien a cultura, porque moitas veces é o que nos salva.

19 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.