Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os oficios artesanais, vistos como un atractivo turístico na Ribeira Sacra

Respaldo do Goberno galego ao sector na súa adaptación a novos hábitos de consumo

Santiago. Co obxectivo de poñer en valor o papel da artesanía como un atractivo turístico máis para os territorios, o director xeral de Comercio e Consumo da Xunta, Manuel Heredia, visitou este sábado no concello lucense de Sober o evento denominado Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, onde animou a vincular os oficios artesanais a un novo xeito de facer turismo.

Heredia, que estivo acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, destacou a aposta por parte do Goberno autonómico por este tipo de eventos de pequeno formato, a través dos que intentar axudar ao sector dos artesáns no seu proceso de adaptación aos novos hábitos de consumo e ás novas fórmulas de comercialización.

Participan 22 obradoiros. Nesta iniciativa, organizada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en colaboración co Concello de Sober, participan un total de 22 obradoiros da marca Artesanía de Galicia.

Unha iniciativa aberta ao público en xeral e que estivo instalada nos pendellos do Santuario da Nosa Señora das Cadeiras da localidade lucense entre as once da mañá e as nove da noite.

Pezas de diversos materiais. Os visitantes tiveron ocasión durante toda a xornada de atoparse e poder desfrutar coas pezas de olería –posto que entre os expositores atópanse representantes de tres dos centros de olería tradicional aínda activos en Galicia como son Gundivós (Sober), Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) e Buño (Malpica de Bergantiños)–; así como madeira, téxtil, xoguetes artesanais, xoiería, traxe tradicional e coiro.

Entre os obradoiros participantes nesta ocasión, moitos deles asentados dentro da Ribeira Sacra e na súa reserva da biosfera, atópanse Alfarería Agustín (Xunqueira de Espadanedo), Alfarería Lista (Malpica de Bergantiños), Armaior e Enxógate (Quiroga), Artesanía do Caurel (Folgoso do Courel), Bangus (Ourense), Elías de Gundivós e Figulus Olaría Tradicional da Ribeira Sacra (Sober), En lá (Monforte de Lemos), Isabel e a arte (Vilalba), Lucecús (Guitiriz), Lumecú (Vilar de Santos), Macala (Santiago), Moura (Maceda), Nobelo a nobelo (A Estrada), Olería do Batán (Baños de Molgas) e Senda Coiro (A Pobra de Brollón).

Estaba previsto que ao longo de toda a xornada celebraranse tamén catro obradoiros gratuítos e abertos ao público para achegar os oficios artesanais á sociedade, especialmente aos máis pequenos, e contribuír así a visibilizar a marca Artesanía de Galicia entre os presentes.

Neste sentido, os artesáns Susana González, de Terralume (A Coruña) e Antón Román (Gondomar) impartiron un obradoiro de iniciación ao torno cerámico.

Pola súa parte, María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo) realizaron un obradoiro de creación de cianotipias e outro sobre a técnica de estampaxe xaponesa denominada shitotaku.

A artesá Iria Ribadomar, do obradoiro Deica! (Compostela), estivo pola súa parte á fronte dun obradoiro de debuxo. redacción

21 ago 2021 / 18:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.