Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os Premios da Crítica de Galicia da edición XLV xa teñen nome propio

Os protagonistas deste ano que quedarán para a historia son Manuel Rivas, Xavier Madriñán, A Cova de Eirós, Ugia Pedreira, Mónica Alonso, Chévere, Atalante e María Varela

Na xornada de onte, ás 12.00 horas, no decurso dun acto na sede de Afundación de Vigo, deuse a coñecer o ditame da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Baixo o lema Galicia é infinda do poeta Florencio Delgado Gurriarán, xuntáronse trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Elena Espinosa, en representación da alcaldía de Vigo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, así como once alcaldías de diversos concellos do país.

No transcurso do acto, que foi conducido pola escritora Ledicia Costas, Bieito Ledo, presidente e fundador dos Premios da Crítica de Galicia, fixo un percorrido pola memoria desta iniciativa pioneira organizada en Vigo dende hai corenta e cinco anos.

Dende comezos do mes de outubro, as 56 persoas compoñentes dos oito xurados, que se unen ao máis de mil catrocentas participantes ao longo de toda a súa historia, traballaron e ditaminaron de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.

Premio de Creación Literaria. O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por María Luisa Abad, pedagoga; Xesús Fraga, escritor e xornalista, gañador da edición anterior; Esther Gómez Suárez, libreira da libraría Moito Conto; Manuel González González, membro da RAG, catedrático da USC; Bieito Iglesias, escritor; Pilar Ponte, profesora e crítica e Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a As malas mulleres (Galaxia 2021) de Marilar Aleixandre; O cervo e a sombra (Xerais 2021) de Diego Ameixeiras; Palmeiras, piueiros (Chan da Pólvora 2021) de Anxo Angueira e O que fica fóra (Apiario 2021) de Manuel Rivas.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a O que fica fóra de Manuel Rivas (Apiario). O xurado salientou que O que fica fóra é unha obra que lle dá a volta á lingua e á realidade para se preguntar e preguntarnos, despois de roubarnos a liña do horizonte, que ficará fóra cando desaparezan as palabras. Un libro alfaia con elementos gráficos que enriquecen tanto a súa estética como a mensaxe que intenta transmitir.

Galardóns deste ano
A Xunta contribúe a difusión internacional do cinema galego
Faino a través de vintedous festivais e tamén en mercados de ata sete países

Santiago. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades acaba de publicar a resolución de adxudicación das súas subvencións anuais para a promoción exterior do audiovisual galego, a través das que distribúe preto de 35.000 euros entre 21 produtoras para o desenvolvemento de diferentes accións de difusión e comercialización en 22 festivais e mercados internacionais de referencia para o sector.

O obxectivo desta liña de axudas é contribuír a poñer en valor o traballo de produción e creación audiovisual con selo galego, así como a situar a comunidade no mapa cinematográfico mundial. No caso da modalidade destinada á participación en eventos de cine fóra de Galicia, apoiouse a premiada participación do equipo de Valentina na pasada edición dos Goya, onde foi recoñecida como mellor película de animación, ademais das estreas de Código Emperador, de Jorge Coira, no Festival de Málaga e de Unicorn Wars, de Alberto Vázquez, nos de Annecy (Francia) e Sitges.

Tamén recibiron subvencións Tamboura Films para a presentación do documental No somos nada, de Javier Corcuera, no Festival Internacional de Cine Independiente de Bos Aires (Bafici) de Arxentina; Filmika Galaika para Eles transportan a morte, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, no de Rotterdam (Países Baixos), e Acariño Films para Los saldos, de Raúl Capdevila, no Festival de Cine Europeo de Sevilla e no Visions du Réel de Nyon (Suíza).

Curtametraxes. No certame suízo estivo, así mesmo, Diana Toucedo coa súa curtametraxe Tatuado nos ollos levamos o pouso, mentres que Lois Patiño viaxou con El sembrador de estrellas á Berlinale (Alemaña) e ao New York Film Festival (Estados Unidos) e Zeitun Films ao Festival de Málaga con Rompente, de Eloy Domínguez Serén. Este último realizador contou igualmente con apoio a raíz da selección no Festival Internacional de Cine de Xixón da longa documental Al otro lado del mar, que codirixiu xunto ao colombiano Samuel Moreno Álvarez.

20 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito