Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os Rodolfo Prada premian a Yolanda Castaño polo seu ciclo de recitais poéticos

O segundo e terceiro galardón foron para a xestión cultural do Festival de Cans e do Museo do Médico Rural de Maceda

A quinta edición dos Premios Rodolfo Prada á Xestión Cultural, organizados pola Deputación de Ourense, xa ten gañadores. O primeiro premio, elixido por unanimidade do xurado entre os proxectos presentados, é para a poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, fundadora e directora do ciclo internacional de recitais poéticos mensuais “Poetas Di (n) Versos”.

Estes encontros, nacidos no ano 2009 na Coruña, teñen como obxectivo reunir ao mellor da poesía en galego e do resto do mundo. Baséase en lecturas poéticas públicas na voz dos seus autores e autoras con entrada aberta e gratuíta. Este ciclo é, segundo Yolanda Castaño, “unha exitosa iniciativa pioneira en Galicia, así como o único ciclo estable que presenta poetas internacionais de maneira periódica e regular en toda España”.

O segundo premio, a proposta do xurado, é para o Festival de Cine de Cans, organizado pola Asociación Cultura Arela, dende o ano 2004. Adegas, alpendres, galpóns, baixos de casas ou casas vellas deshabitadas convértense no mes de maio en salas de proxección. Curtas de ficción, de animación, documentais, concurso de videoclips ou webseries pasan por esta aldea que, foneticamente, coincide coa cidade de Cannes, orixe desta iniciativa cinéfila. “A creación galega máis emerxente pasa por Cans, que se converte na gran plataforma de visibilidade dos novos creadores. Cans é unha mestura que non é fácil de definir pero ante todo unha experiencia”, aseveran os seus organizadores.

O Museo do Médico Rural de Maceda, considerado pioneiro no panorama museístico, é o terceiro premiado desta quinta edición, tamén a proposta do xurado. O museo ten como obxectivo resaltar a figura do médico rural, “parte do patrimonio cultural da nosa terra”, segundo os seus promotores. Nace en Maceda porque é a vila onde, durante 40 anos, exerceu o doutor José Manuel Lage, creador do proxecto. Durante anos percorreu distintos puntos de España para recompilar información e solicitar obxectos dos devanditos médicos que agora se poden ver neste espazo.

Nesta ocasión, o xurado dos Premios Rodolfo Prada tamén acordou conceder unha mención especial á Fundación Contemporánea, polo fomento e a difusión de proxectos culturais e, en especial, pola labor que desenrola co estudo “Observatorio de la Cultura”. Unha publicación de referencia que aglutina a todas as autonomías e axuda a visibilizar a profesión da Xestión Cultural. Nesta importante plataforma, Galicia posicionou máis de 15 eventos relevantes. Esta mención ven acompañada do diploma acreditativo e a escultura conmemorativa de Manuel Buciños.

O único premio galego con dotación económica destinado a recoñecer o traballo dos xestores nas industriais culturais e creativas

HOMENAXE A RODOLFO PRADA. Estes premios levan o nome de Rodolfo Prada, ourensán emigrado a Bos Aires, quen se adicou fundamentalmente á actividade social no eido da xestión cultural, no que deixou numerosas mostras dentro da colectividade galega en Arxentina. O premio, organizado pola Deputación de Ourense, é o único en Galicia con dotación económica destinado a recoñecer exclusivamente a grande importancia que ten o traballo dos xestores nas industrias culturais e creativas.

O acto de entrega terá lugar o xoves 28 de abril, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, a partir das 20 horas, dentro da programación desta oitava edición da Ourense ICC Week, que comezará este venres, día 22, e rematará o venres día 29 de abril. Esta xornada contará con dúas intervencións de relevancia no mundo da xestión cultural que abordarán distintas cuestións que afectan aos profesionais deste ámbito.

19 abr 2022 / 21:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.