Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ourense terá unha liña directa con Valencia no AVE para ir ás termas

A Deputación e Renfe anuncian un convenio co que as dúas cidades quedarán conectadas

Ourense. A colaboración que desde hai dez anos manteñen a Deputación de Ourense e Renfe para facilitar o acceso ao programa de Termalismo Social incorpora en 2023 a conexión directa co Mediterráneo a través da alta velocidade, nomeadamente desde a comunidade valenciana. Así consta no convenio asinado en Fitur polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, que coincidiron en destacar o éxito e solidez dunha alianza que contribúe a potenciar o turismo termal na provincia.

“Temos un termalismo de alta velocidade”, afirmou Manuel Baltar trala sinatura do documento, subliñando así a condición de Ourense como territorio europeo co maior potencial termal e a cidade galega mellor conectada coa capital do Estado. Novamente, dixo, “asinamos con Renfe unhas vantaxosas condicións para acceder ao mellor termalismo de Europa, a través do AVE e con descontos especiais, facilitando a planificación dos desprazamentos e facendo máis cómodas as viaxes aos balnearios da nosa provincia”.

Baltar tivo palabras de agradecemento para Renfe, “pola súa implicación todos estes anos”, e para a área de Benestar da Deputación “polo éxito a nivel nacional dun programa único, o de Termalismo Social, que supera todas as expectativas”. A estas palabras sumouse Isaías Táboas, que expresou a súa satisfacción pola sinatura dun novo acordo “que pon o ferrocarril ao servizo da cidadanía co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento dun territorio especialmente recoñecido polos seus recursos termais”.

Grazas ao convenio de 2023 entre a Deputación e Renfe, a comunidade valenciana, na que residen máis de 5 millóns de persoas, quedará conectada por un AVE directo, sen transbordos e a 5 horas de viaxe cos balnearios ourensáns que participan no programa de Termalismo Social. Esta nova conexión tamén facilitará a participación dos residentes nas provincias de Albacete e Cuenca, en cuxas capitais teñen paradas os trens que circulan pola liña que ten a súa orixe en Alacante.

O programa de Termalismo Social da Deputación de Ourense é único en España ao incluír o ferrocarril como unha opción de desprazamento cara os balnearios da provincia. As persoas maiores de 50 anos, con independencia do municipio español no que residan, poden desfrutar dun programa de estanza de seis días. Redac.

22 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito