Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Paco López-Barxas leva ó teatro a relación entre Granell e Cunqueiro

A Fundación do pintor surrealista acolleu a presentación de “Personaxe fantasmal dunha historia de Álvaro Cunqueiro”, unha peza teatral da autoría de Paco López-Barxas, publicada pola Casa-Museo Álvaro Cunqueiro co apoio do Concello de Mondoñedo e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, na que participaron, ademáis do autor, Valentín García e os escritores Claudio Rodríguez Fer e Armando Requeixo.

Formulada como unha dramatización ficcionada de sucesos reais, nesta peza López-Barxas achéganos á celmosa relación amigable e artística que uniu a dous grandes intelectuais galegos como foron Álvaro Cunqueiro e Eugenio Granell, por riba das súas coñecidas diferenzas ideolóxicas. Trátase, na opinión de Paco López-Barxas, dunha relación de respecto e consideración mútua pola súa respectiva obra literaria e artística.

En esencia “Personaxe fantasmal dunha historia de Álvaro Cunqueiro” recrea os encontros mantidos entre o mindoniense e o coruñés escolmando tres deles que se corresponden con momentos vitais ben diferentes: o primeiro, na atardecida do 17 de xullo de 1936 na Porta do Sol en Madrid, unhas horas antes do estourido bélico; o segundo, o envío dunha carta de Cunqueiro a Borobó, en 1953, onde lle fala de “Isla cofre mítico” de Granell, recomendándolle a súa lectura e difusión nas páxinas do diario La Noche. Finalmente, o terceiro reúne ao propio López-Barxas en conversa con Granell a propósito dun suplemento xornalístico arredor de Cunqueiro, publicado en 1991, ano no que se lle dedicaron as Letras Galegas ao de Mondoñedo.

A obra, escrita nun acto único dividido en tres escenas, é unha admirable homenaxe ás figuras de Cunqueiro e Granell, e pon de relevo non só a fraternal amizade que os vecellou, senón tamén o universo de complicidades e converxencias que as súas xeniais obras teceron, todo da man do talento literario de Paco López-Barxas, excelente coñecedor de ambos os dous creadores.

Pola súa parte, Claudio Rodríguez Fer, quen mantivo unha fonda amizade con Granell e Cunqueiro, interpretou as claves dramáticas da obra de López- Barxas, ao tempo que Armando Requeixo se amosou satisfeito da publicación dentro das coleccións da Casa Museo Alvaro Cunqueiro, con motivo do 110 aniversario do nacemento de Granell, un 28 de novembro de 2012, así como o nacemento de Cunqueiro poucos meses antes, acontecido un 22 de decembro de 1911.

Na súa intervención, Valentín García salientou a sua fascinación polo encontro entre Granell e Cunqueiro, lembrando asi mesmo o acontecido entre Castelao e Otero Pedrayo en Bos Aires.

02 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito