Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Para comer cogomelos hai que saber algo de micoloxía

    nestes días de outono cando soa o meu teléfono a perguna máxica que xurde ao outro lado é sempre parecida: Teño aquí un cogomelo e quero saber se é comestible? A resposta pola miña parte repítese: Como se chama ese cogomelo? Responde o/a interlocutor/a: Non sei, eu só quero saber se o podo comer ou non... Conversación surrealista, mas real.

    Un cogomelo do que non sabemos o nome, non pode ser comestible. E menos despois dunha consulta por teléfono, onde o “consultado” non ten idea do que outro ten na man.

    A descripción dada por unha persoa totalmente inexperta non serve, fala de tronco, pregunta que é o anel, fala de parte de cima e de baixo, cortou a base... Total, que do que descrebe ela ao que o/a micólogo/a imaxina pode haber unha abrumadora distancia. As consultas feitas así ou a través dunha fotografía enviada por whatssap non garanten unha identificación correcta. E, un cogomelo sen nome, nunca é comestible, pode confundirse con outra especie próxima tóxica.

    Os exemplares para identificación teñen que estar enteiros, xa que na base do pé hai moitos caracteres imprescindilbes para identificalo: presencia de bulbo e volva, cheiro diferente, cores diferentes... Sen estes caracteres é imposible saber exactamente de que especie se trata.

    Tamén é necesario fixarse onde se encontran, hai cogomelos propios de piñeirais, outros de carballeiras, outros de prados... Saber onde foron collidos e cal era a árbore máis próxima pode axudar a darlles un nome correcto.

    Por exemplo, unha zarrota (Macrolepiota procera) ten chapeu de máis de 10-12 cm de diámetro, branco con escamas pardas concéntricas, con láminas brancas ou ocre moi claro debaixo, o pé é tan longo ou máis que o diámetro do chapeu, groso, supera x 1,5 cm, branco con riscas pardas transversais e é engrosado na base con un anel groso, algodonoso e móbil ao longo del.

    Todas esas características son igual de importantes e necesarias para caracterizala, senón poden ocorrer confusións con champiñóns (Agaricus), comestibles ou non, con pequenas Lepiota, algunhas mortais, con Leucoagaricus, comestibles mediocres... Para consumir cogomelos é necesario saber algo de micoloxía.

    Ademais, os cogomelos son seres máxicos e maravillosos. Son frutificacións de organismos necesarios para que os restos orgánicos dos bosques se descompoñan, para que as árbores medren mellor e máis sanas. Son imprescindibles para o medio ambiente, polo tanto a súa conservación é necesaria.

    A natureza é como unha enciclopedia, na que a maioría de nós é analfabeto funcional, polo que coñecer o que medra nela é fundamental para poder disfrutala. Só se pode defender e conservar aquelo que se coñece.

    Para un inexperto cando sae ao campo aconséllase recoller algúns cogomelos e levalos á casa para, con a axuda dunha guía, identificalos e ir coñecendoos mellor. É necesario habituarse a ver cogomelos diferentes para despois ser capaz de recoñecer aqueles que poidan ser interesantes na cociña. Ollo con usar internet, nin sempre é de fiar.

    04 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.