Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Para coñecer ben o homenaxeado no Día das Letras

A Real Academia Galega decidiu homenaxear neste 2022 a Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Ourense, 1903–Fair Oaks, California, 1987). Xa que logo, os selos editoriais comezan a publicar as súas novas propostas para achegarnos a figura homenaxeada no día grande das nosas letras. Nesta ocasión, encargarémonos da proposta que a Editorial Xerais publicou na súa colección Merlín para lectorado a partir dos once anos, Florencio Delgado Gurriaran. Polos vieiros da saudade, escrita por Héctor Cajaraville e ilustrada por Antía Antepazo.

Inicia o volume un luminoso e necesario capítulo sobre a importancia da figura de Delgado Gurriarán explicando que, alén da súa produción literaria propia, tamén foi colaborador en prensa, crítico literario, coordinador editorial, lexicógrafo, corrector e tradutor. Sendo o poeta máis representativo do seu lugar, representa o exilio mexicano e a conexión co denominado exilio interior e eríxese como unha figura fundamental polo legado que a día de hoxe nos deixou.

Deseguido, Héctor Cajaraville repasa a biografía de Delgado Gurriarán en capítulos que representan etapas vitais do homenaxeado, encomezando pola súa infancia e xuventude (1903-1928), seguindo co seu regreso a Galicia (1928-1936), o camiño do exilio (1936-1939), a súa chegada a México (1939-1944), o seu galeguismo mexicano (1944-1968) e os seus últimos anos (1968-1987).

A particular proposta de Cajaraville engade a cada capítulo desta ben contrastada biografía de Delgado Gurriarán un poema da súa propia colleita no que trata de recrear a poética do homenaxeado. Así, nesta biografía, a modo de peche de cada capítulo, ofrécense os poemas Aprendín a choutar entr’as cepas, Loanza dos nomes enxebres, O cervo ferido, Gulf Stream, Marcha militar, Orgullo azteca e De volta. Conta o volume, amais, cunha cronoloxía paralela da biografía de Delgado Gurriarán e feitos históricos desas datas e tamén cun listado da obra publicada polo autor.

Constitúe esta unha interesante proposta de achegamento á figura do autor homenaxeado na que, ademais dos seus fitos vitais, se pon de manifesto o labor de Delgado Gurriarán para coas nosas letras e a transcendencia do seu labor de actividade cultural e política dende a diáspora, dende a súa poesía comprometida, á posta en marcha de Vieiros e Saudade e ao seu innegable brillante labor como un dos tradutores da Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, entre moitos outros.

inesmosquerac@gmail.com

16 may 2022 / 00:09
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.