Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Páxina de sombra

    A miña salutación para este novo agasallo que de xeito inesperado me fai chegar Emilio Araúxo, ese escritor e home de cultura prolífico e ao mesmo tempo discreto. Porque Emilio Araúxo leva creando unha ampla obra artística en moitos campos da cultura galega: poeta, narrador, editor, tradutor etnógrafo, mitógrafo e un eximio fotógrafo que leva inmortalizando fitos moi importantes da cultura de noso: o entroido galego e ese macrocosmos de tempos pretéritos da nosa labranza. Grazas os seus poemas, os seus textos, as imaxes tiradas con infinita paciencia e perseveranza, podemos decatarnos do que foi o cultivo da terra en tempos idos. Na neve do lobo da xente (Chaguazoso), “páxina de sombra” empregando as súas palabras, é o fermoso libro que arestora Emilio Araúxo edita en Toxosoutos. Así, nesta breve sinopse describe o autor o seu labor neste libro de escritura e de imaxes, acompañado dun glosario, non só acaído,senón tamén necesario: “Na páxina de sombra dunha corna ce cabra, a vida da serra escribíndose coas pisadas de promesa do tempo. O Lobo da Xente. O folión e as foliadas do entroido e as lardeiras e os lardeiros. Versos que facían chorar as pedras. Unha copla que tiveron. O responso do lobo. En conversación sempre se xera un cariño. Estaos esperando a lúa. Aquela xentiña era digna de querer. A cotovía desfaise cantando. A res rompía aínda que che dése a neve pola cintura. As aldeas quedamos na rexión do esquecemento”.

    Un libro que describe e dá, sobre todo,testemuño da vida da xente na serra, nesa serra de San Mamede, que o autor tan ben coñece, coa pequenas aldeas perdidas entre os seus vales. E a mágoa porque o caldo da serra non se fai xa. Non hai mozos nas aldeas. Todo isto ilustrado con ducias de imaxes: cabras, pastores,vacas con nome de seu. Testemuños que Emilio Araúxo recolle de tempos pasados, da boca dos poucos poboadores que aínda resisten na serra e ven marchar as reses cara o monte.

    Outra historia oral e fotográfica de negruras e soidade.

    16 ene 2021 / 01:01
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.