Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Pecha con gran impacto a campaña do Bono Cultura

Xerou ingresos por valor de 1,6 millóns nos establecementos galegos // O conselleiro valorou moi positivamente esta segunda edición

A campaña do Bono Cultura da Xunta de Galicia pechou o ano 2022 xerando ingresos por valor de 1,6 millóns de euros nos establecementos galegos. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, valoraou moi positivamente esta segunda edición coa que, expresa, “á vista dos bos resultados económicos cumprimos obxectivos e seguimos fortalecendo o sector e incentivando o consumo cultural entre os galegos”.

A iniciativa, que se puxo en marcha o 2 de novembro e rematou o pasado 31 de decembro, rexistrou un total de 41.582 operacións entre os usuarios e facilitou descontos do 50% na compra de produtos como libros, música en formato físico, entradas para museos, cines ou espectáculos escénicos, entre outras.

Por provincias, o 50,25 por cento das operacións rexistráronse na de Pontevedra, o 33% na da Coruña, o 8,6 por cento na de Ourense e o 3,17% na de Lugo. Puxéronse en circulación 20.000 bonos que se empregaron en máis de 500 establecementos como librarías, salas de cine e espectáculos ou museos de toda Galicia.

A edición do Bono Cultura estaba dirixida a calquera persoa maior de idade que tivese a súa residencia en Galicia, así como aos establecementos do sector cultural que podían comercializar os seus produtos. Este ano a Xunta ampliou os seus obxectivos buscando, por un lado, incentivar a demanda cultural e dinamizar o consumo así como impulsar o sector axudándoo a reducir o impacto económico marcado polo actual contexto económico de suba de prezos. Tamén se melloraron algúns dos requisitos para as empresas e ampliouse o teito de gasto que podían alcanzar nos seus establecementos.

Máis apoio. Román Rodríguez referiuse á importancia desta medida no marco das políticas de apoio á cultura que están a seguir impulsando esta industria en Galicia. “Unha política de apoio á cultura que imos aumentar neste 2023 cun investimento global que supera os 100M€, un 8,5 por cento máis que o ano anterior”.

Como expresou, as contas atenden a todos os sectores (musical, audiovisual, libro, artes escénicas e plásticas...). Neste sentido, referiuse a propostas nas que se están a traballar como a Galicia Film Commision, o proxecto de Bibliotecas Móbiles para estender estes servizos ao rural, o Proxecto Xeración Cultura, a aceleradora de proxectos musicais ou novas leis como a de Cultura Inclusiva e Accesible e a de Cultura Dixital, entre outras iniciativas.

05 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.