Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pecha cun centenar de voces no escenario do Gaiás o ‘Serán’03’

Gran man a man entre os integrantes de Cantigas e Agarimos e de Cántigas da Terra, dous dos catro coros históricos de Galicia

A Cidade da Cultura pechou este domingo a terceira edición do Encontro Galego de Cultura Popular, Serán’03 cun concerto dos coros centenarios de Cantigas e Agarimos e Cántigas da Terra.

O man a man entre as dúas corais históricas rematou pola tarde cunha emotiva interpretación conxunta do Himno Galego –con preto dun centenar de voces sobre o escenario– pondo así o peche a tres intensos días de actividades arredor da música e o baile galegos, coa pandeireta como gran protagonista, que congregaron a milleiros de visitantes na Cidade da Cultura.

O Coro Cantigas e Agarimos vén de cumprir un século de vida (fundouse en 1921 en Santiago) e é un dos catro históricos galegos, e un referente cultural na sociedade santiaguesa do último século.

Actuou en países como Portugal, Arxentina ou Uruguai e as súas orixes remóntanse ao ámbito das Irmandades da Fala -o seu antecedente directo é o desaparecido coro Queixumes dos Pinos-.

Este contexto galeguista está tamén no cerne de Cántigas da Terra, que desenvolve a súa actividade desde 1916 na Coruña e da que teñen formado parte persoeiros como Antón Vilar Ponte, Leandro Carré ou Lugrís Freire. Desenvolve o proxecto educativo Escolas da Terra, centrado na divulgación e difusión da cultura tradicional galega.

Promovido polo Goberno autonómico para apoiar e pór en valor a nosa cultura popular e de base, este terceiro Serán quixo ademais reivindicar dun xeito especial o papel das mulleres na transmisión e salvagarda da tradición musical galega, especificamente da figura das pandeireteiras.

Así, profesionais como Fransy González -pandeireteira que ten colaborado con figuras como Carlos Núñez, Dulce Pontes ou Erik Marchand-, a cantante e percusionista de Puglia, Livia Giaffreda, especialista en tamburello (pandeiro de marco empregado no sur de Italia) ou a cantante e percusionista de música tradicional de Castela e León Vanesa Muela -con 40 anos sobre os escenarios e 15 discos ás súas costas- impartiron clases maxistrais.

Na xornada do sábado do Serán’03 tivo lugar tamén unha mesa redonda arredor da revolución das pandeireteiras na música galega, na que participaron María Vidal, integrante do trío As Cantigas de Elena; Marisol Palomo, cantante no grupo Ialma; María López (Faltri), integrante da agrupación Faltriqueira, e María Montero, do grupo de pandeireteiras Lilaina.

Tamén o traxe tradicional tivo un oco moi destacado na programación deste domingo, cun desfile organizado pola asociación etnográfica pontevedresa Sete Espadelas.

Baixo o título Da vila e da aldea, propuxo unha pasarela conformada por trinta traxes tradicionais, todos eles antigos ou fieis reproducións de orixinais, dos empregados na Galicia do século XIX.

A selección reflectía as diferenzas no vestiario das distintas clases sociais, con traxes de decotío ou faena para os labores da xente da aldea, traxes domingueiros ou de ir á vila usados nos días especiais pola xente da aldeã, e tamén traxes de garda ou cerimonia, os das clases máis acomodadas da vila, usados para os días de voda e similares.

Ao longo dos tres días deste Encontro Galego de Cultura Popular, na Cidade da Cultura congregaronse arredor dun milleiro de artistas e intérpretes coa presenza de nomes como Faltriqueira, Davide Salvado ou Óscar Ibáñez, ou agrupacións folclóricas como Donaire, Rebulir, Trébede, Ultreia, Etnográfico das Mariñas ou A Ponte Vella ou Alxibeira, entre outros.

Outra das novidades foi o Festival Portas do Camiño, que reuníu cinco grupos de pandeireteiras da Península, co nexo das Rutas Xacobeas: Xeitu, de Asturias; Seronda, de León; Denise e Bea, do Bierzo; Crúa, de Portugal, e Pandereras de Salamanca (con repertorio de Peñaparda).

Máis alá dos momentos de música e baile, este encontro pretende ser tamén unha oportunidade para divulgar e afondar no estudo da música tradicional en xeral e, este ano de xeito particular, ao redor da pandeireta.

13 jun 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.