Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Margarita Ledo Andión, Catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade

“Penso que teriamos que xuntar o modo de facer coa maneira de pensar”

Escritora, cineasta, catedrática de Comunicación Audiovisual, coordinadora do Grupo de Estudos Audiovisuais, exdecana de Xornalismo da USC e numeraria da Real Academia Galega. Premio Nacional da Cultura Galega en Cine e Audiovisual (2008).

Estudou a carreira na Universidade de Santiago de Compostela? Cantos anos leva na USC como profesora?

Estudei un ano do que chamabamos “comúns” (1968/1969), nun tempo moi determinante para toda a miña xeración. Anque foi un período breve, ficou inscrito en moito do que despois fun facendo. No cine Yago vin a primeira película das cualificadas de “arte e ensaio”, Repulsión, de Polanski; as do Cinema Novo brasileiro ou as de cineastas da Escola de Barcelona, por exemplo. E dende a cafetería “Casablanca”, en Casas Reais, coa miña amiga de estima Olga Camaño, asistimos á arribada na lúa coma se miraramos o filme Les selenites, de Méliès . No curso seguinte (1969/1970) fun para a Escola de Xornalismo de Barcelona, onde me formei e onde definín gran parte das miñas opcións intelectuais, políticas e persoais.

Na USC levo trinta anos de profesora, dende o 1991. Previamente din aulas na Facultade de Letras da Universidade de Porto (1974/1976) e doutoreime e concursei a profesora titular na Facultade de Cièncias de la Informació da Universitat Autònoma de Barcelona, onde estiven oito anos.

Cóntenos algunha anécdota que considere de interese en todo este tempo?

Escollo unha que ten a ver con este xornal, o primeiro co que formalizamos un convenio de prácticas, algo moi importante para nós porque, asemade, no modelo de formación defendemos sempre as prácticas pagas. E conversando de maneira informal con Feliciano Barrera, mentres asinabamos os papeis co retrato de Rosalía de Castro na parede a sorrir, comenteille que estivera no hotel Mindanao e el repentizou aquela canción do filme “Los últimos de Filipinas” que transcorría nese lugar. Aquela fotografía de dúas persoas diferentes en idade, sexo e condición, tal e como reflectía unha frase común, pero con intereses converxentes nun programa específico a realizar, é algo que adoito botar de menos.

Chegar a profesora emérita, con toda a gran bagaxe de docencia, investigación, dirección de teses, servizos prestados á universidade e demais méritos, é unha gran honra para unha profesora, pero de quen se lembra nestes intres?

Da lección inaugural que pronunciou Vázquez Montalbán e a súa recomendación dupla ao alumnado: cando entres nun xornal o primeiro a pensar é “que é o propietario” (visíbel e/ou disimulado) e o segundo, vai construíndo o teu espazo propio, no que expresar as túas posicións, para o caso, unha columna de opinión. Da presentación da revista Compostelán, con Chocha Bescansa na mesa partillando a súa visión da cidade. Da inauguración da cátedra Alejo Carpentier co Ministro de Cultura de Cuba. E dos colegas que, canda o primeiro decano-comisario Emilio Prado, formamos a Comisión do Plan de Estudos e definimos o modelo de aprendizaxe que entendiamos acaído: Miquel de Moragas, José A. Mingolarra e, singularmente, Enrique Bustamante que nos acaba de deixar.

Que foi o peor e o mellor que profesionalmente lle pasou en todos estes anos?

Non son binaria e teño dificultade para pensar en termos de mellor e peor. O que sinto é que perdemos aquel interese do alumnado en todo o que pasaba a redor e fóronse esvaendo as innúmeras iniciativas que desenvolviamos vencelladas á docencia, á profesión e á curiosidade intelectual. Arestora os actos na Facultade só enganchan a media ducia de persoas. E penso en cousas tan ao día como a partida de Overwatch, no marco do seminario Co(M)xénero-2019, na que competiron un equipo mixto profesional, as Pink Frogs, e outro feminino, As Meigas, formado para a ocasión. Pola primeira vez, un e unha caster retransmitían en galego, por streaming, un encontro de eSports. Pagaba e pagou a pena.

Que lle levou a solicitar poder continuar coa súa carreira na USC e cales son as súas prioridades nesta nova etapa como emérita?

Estar no medio e medio de actividades que me interesa asentar, coma o seminario permanente Co(M)xénero, onde se incardinou a devandita competición de eSports, por exemplo. Asemade estamos nun momento de especial interese para redefinir a colaboración co universo lusófono, para alén de concluír o percurso investigador en I+D+i á volta do cinema das pequenas nacións e da política europea da diversidade, coa lingua como un elemento central. Os tres volumes que editou Galaxia, “Para unha historia do cinema en lingua galega”, é a súa aplicación máis clara e máis seguida.

Díganos que universidade temos que non tíñamos hai vinte anos, e que universidade deberíamos ter hoxe que non temos. Sitúese vinte anos no futuro e reflexione sobre que universidade lle gustaría ter para entón, e que faría vostede, se estivera nas súas mans, para acadalo.

Como sabemos a Comunicación é un ámbito, entre outros ámbitos, para a posta en relación de diferentes áreas de coñecemento coas técnicas, recursos e, sobre todo, co pensamento. É un ámbito, como sempre lembraba Romà Gubern, de teóricas e teóricos con mans. Hai vinte anos, con menos recursos pero cun modelo de ensino teórico-práctico, no sentido de que cada incorporación de saberes íase aplicando gradualmente ao que faciamos (fose unha nova, un formato novo para radio, un programa para a tele, unha fotografía...), en vencello cas coordenadas xeo-políticas e da sociedade de pertenza, no noso caso Galiza.

Mais o modelo foi derivando cara a separación da docencia teórica, por unha banda, e práctica pola outra, sen que por veces cheguen a se engarzar. O resultado pode dar profesionais só con mans, “especialistas” con cativos recursos de comprensión das mudanzas ou mesmo de cales son as cuestións que reclaman resposta, e persoas con vocación para o estudo e a investigación que se sintan arredadas da profesión e que se miren tolleitas á hora de aplicar de maneira creativa, sen medo ao que aínda non se experimentou, as súas propostas e o resultado do debate e a reflexión. Penso que teriamos que xuntar, outra volta, o modo de facer coa maneira de pensar. Esa harmonía trae na cunca da man a transferencia á sociedade do que, sempre de maneira colaborativa, se desenvolve na Universidade.

De que logros se sinte máis satisfeita?

De conseguir no seu momento un edificio público singular, consonte as necesidades das licenciaturas de Xornalismo e Comunicación Audiovisual, que acadou o premio Secil de arquitectura; de organizar aquel Congreso, Comunicación na Periferia Atlántica, de Finlanda ate Portugal, do que saíu o primeiro proxecto europeo sobre “Tv e interculturalidade” en Bretaña, Gales e Galiza; de desenvolver as relacións coa Lusofonía dende o 1998 a partires do II Colóquio Brasil-Estado Español de Ciencias da Comunicación; de sermos durante décadas a facultade do Campus de Santiago con meirande uso, a todos os niveis, da lingua galega; de acoller en 2008 o Congreso fundacional da AEIC (Asociación española de investigación en comunicación), de todas as persoas que botaron o resto nesta andaina.

Como eran os estudantes hai 30 anos é como se comportan nos nosos días?

A paisaxe tornouse escura de máis para discernir comportamentos que poidan ser efémeros ou motivados polo caos ambiental. Hai 30 anos as expectativas estaban abertas en todos os medios, públicos e privados, e noutros espazos coma os gabinetes de comunicación. As persoas que saían “percorrer mundo” ían para a BBC, para Euronews, para Sudamérica e seguían cun pé acó. Agora venme á memoria o modo en que comecei o discurso inaugural do curso académico 2011-2012, Indicios de desaparición.

Na altura dixen: Fora este un curso coma os outros cursos, foran os dilemas que nos congregan aqueles que teñen a ver coa imbricación entre investigación, docencia e aplicación do coñecemento e non coa sombra da mutua exclusión. E chisco máis adiante, aínda na introdución, alertaba dos camiños cara a fóra que collían as derradeiras promocións das e dos egresados en Comunicación, porque quen tira dos fíos que determinan as relacións Universidade-Sociedade considera ou ben que, despois de formadas, estas persoas non son necesarias, ou que Galiza ten os días contados. Como andamos dez anos despois, en 2021? Penso e desexo que dispostas a desafiar as múltiples máscaras da desaparición e a coller os fíos coas nosas mans.

04 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito