Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Percorrendo o Camiño de Santiago con Marosa e Mariña

A literatura de viaxes, cómodo sucedáneo para o lector sedentario, ten no peregrino a un dos seus protagonistas máis destacados, oscilando entre o penitente devoto e o aventureiro desenvolto.

A meta terreal dáse por descontada, mais ata entón pode pasar de todo no camiño. Nesta ocasión Marosa e Mariña camiñan a Compostela (Xerais, 2021), de Iago López e Macus Romero, presenta o sacro e secular Camiño de Santiago a través dunha fábula de animais, disfrazados cos xacobeos atributos de rigor.

O emblemático Botafumeiro desencadea a trama, xa que a súa corda rompe en plena cerimonia e só poden reparala ambas as protagonistas, unha osa e unha toupa femia, residentes en Bélxica, país escollido acaso pola celebridade dos seus encaixes de Bruxelas.

A parella protagonista fraternal, mais non equilibrada, marcha a pé para botar unha man, excluíndo calquera connotación relixiosa en beneficio dun alarde de filantropía internacional. Por fortuna, a trama escapa da literatura catequética infantil a prol de puro turismo, mudando as milenarias inquedanzas espirituais polas ecolóxicas de moda, cunha loanza á reciclaxe.

As ilustracións delicadas, detalladas e coidadosas mostran os personaxes de distintas especies cunha caracterización bastante limitada, cun maior favor plástico da osa pola empatía innata que suscita entre o público infantil, a diferenza da súa imprecisa compañeira.

As cores esténdense con sutileza nun abano de matices, prestando unha atmosfera peculiar ás sucesivas paisaxes. Dado o carácter itinerante imposto pola trama, as vistas panorámicas a dobre páxina resultan de rigor, onde as diversas escenas se integran con acerto, sen que por iso as figuras perdan relevancia. De feito, as exteriores son claramente superiores ás internas, como as que suceden na propia catedral, vista só moi de lonxe ou ben desde dentro.

21 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.