Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Petróglifos, prehistoria galega e gatos máxicos en ‘Maxia de pedra’

Maxia de pedra é o novo título de Alba de Evan e Xabier Domínguez, autores da colección “Naturizo”, do álbum ilustrado Fronteiras de papel e de A superavoa de Antón. Esta é a súa primeira obra publicada en Edicións Xerais de Galicia, que se engade á colección “Sopa de Libros”, destinada ao lectorado a partir de doce anos, e que se acompaña das ilustracións froito do traballo de Eli García.

A obra consta de dezanove capítulos aos que se engaden un par de cadernos sobre arte rupestre e cultura castrexa e pecha cunha breve entrevista aos autores e á ilustradora. Maxia de pedra enlaza tres liñas temporais distanciadas entre si por nada menos que 4000 anos. O fío condutor da novela artéllase en torno á figura de Ánxela, unha rapaza que atopa cunha gatiña á que decide chamar Morriña.

A nova dunha aterraxe de emerxencia que ten que realizar un avión procedente de Roma portador de restos arqueolóxicos de orixe galega esperta a curiosidade da rapaza que, xunto cos seus amigos, e, pedíndolle axuda ao seu profesor de historia, deciden investigar sobre o asunto. Mesmo realizan un caderno de arte rupestre que se presenta ao final e que resulta de gran interese para o lectorado polo seu valioso labor didáctico. No desenvolvemento da trama, Ánxela atopa unha gata de tres colas con sorprendentes poderes. Curiosamente, esta gata é a que aparece representada nos petróglifos. Como é posible que esta máxica gatiña apareza representada nos restos arqueolóxicos de hai 4000 anos? As vivencias dun xamán hai 4000 anos e as dun lexionario romano hai 2000 axudarán a revelar o misterio dos petróglifos.

Esta novela de aventura, non exenta dun entrañable compoñente fantasioso, presenta un interesante percorrido pola historia da nosa terra. Cunha clara intención didáctica, esta intrigante lectura exerce un importante labor achegando o lectorado á época dos petróglifos, á época castrexa e á romanización. Facendo unha lectura transversal, podemos apreciar que non só é unha útil ferramenta pedagóxica para coñecer o noso patrimonio cultural, senón que tamén exerce de factor de sensibilización cara a el, amosando problemas medioambientais derivados da perda de especies autóctonas. Ademais, pon de manifesto a importancia dunha comunicación familiar eficaz, resalta o valor da amizade e amosa comportamentos que fomentan a iniciativa persoal e o interese por formarse e indagar máis aló dos contidos que aparecen recollidos no currículo académico..

inesmosquerac@gmail.com

02 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.