Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Poesía de Whitman en galego e inglés para a mocidade

Walt Whitman (1819-1892) foi un dos autores máis influentes da literatura dos Estados Unidos. Entre os xéneros que cultivou, destaca a súa produción poética, sendo considerado o “pai do verso libre”, o “poeta do pobo” ou o “bardo da democracia americana”. Sushi Books achega unha antoloxía de máis de trinta dos seus poemas en formato bilingüe inglés-galego, nun volume destinado a alumnado de institutos. A escolma e tradución das composicións ao galego foi realizada por Penélope Pedreira.

O volume ábrese cun prólogo artellado en tres seccións: a primeira delas está centrada na biografía do autor escolmado; a segunda, na relevancia da súa obra; e, na última, explícanse os criterios de escolla e tradución. Nel, explícase a historia das múltiples edicións de Follas de herba, a súa colección poética, definida polo emprego do versolibrismo canto a forma e á naturalización do sexo canto a contido. No que concirne á escolla dos poemas, Penélope Pedreira apunta que seguiu dous criterios: o interese para o lector mozo e a representatividade dos temas e o seu tratamento polo autor. Amais, advirte ao lectorado da interpelación que sentirán por parte de Whitman e alenta a esforzarse por dar resposta ás inquedanzas do autor.

Compoñen o poemario trinta e unha composicións líricas do autor presentadas para a súa lectura paralela, situando a versión orixinal en inglés á esquerda e o texto vertido ao galego á dereita. O título da obra tómase dun destes poemas, a elexía que Walt Whitman escribe a Abraham Lincoln. A selección de poemas dá conta do transcendentalismo do autor, crítico coa súa sociedade contemporánea, reivindicándose partidario da igualdade e a democracia. As composicións están marcadas pola presenza do eu, entendido na súa singularidade e tamén na súa universalidade: “Eu celébrome e cántome a min mesmo, / e canto eu asuma, ti haberás de asumilo tamén, / pois cada átomo en min é tanto meu coma teu”. Un eu que se desenvolve na natureza, entre a vida e a morte, marcada polo paso do tempo, e cuxa experiencia vivencial agroma “para acadar a cadencia definitiva dos cantos”.

Esta escolma de composicións que, como ben aventura a tradutora no prólogo, incita a cómodas e incómodas cavilacións derivadas da reflexión poética, é unha audaz proposta para aquel lectorado que non tema a aventurarse a repensar as percepcións sobre a propia identidade, a relación co corpo e o entorno, as pulsións humanas e o compromiso social.

inesmosquerac@gmail.com

07 feb 2022 / 00:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.