Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Premio COAG para César Portela pola súa traxectoria

Conseguiu ser “un referente na arquitectura internacional”, sinala o xurado deste galardón

A Xunta de Goberno do Colexio de Arquitectos de Galicia outorga o Premio á Traxectoria Profesional da XIX edición dos Premios COAG de Arquitectura ao arquitecto César Portela (Pontevedra, 1937).

A Xunta de Goberno do COAG sinala que con este premio recoñécese toda unha vida dedicada á arquitectura e á profesión, destacando o mérito de como, co seu estudio desde unha pequena cidade como Pontevedra, conseguiu ser “un referente na arquitectura internacional”, con obra construída presente en Andalucía, Cataluña, País Vasco, Valencia e en países como Xapón, Venezuela, Cuba, Alxeria e Exipto.

Galicia é a terra que acolle gran parte da arquitectura de César Portela, cunha obra que, segundo sinala o COAG, abarca “todas as escalas, desde pequenas intervencións realizadas cun gran coidado e respecto ao patrimonio construído e á contorna natural no que se enclava, ata os grandes edificios dotacionais nos que se combina arquitectura, construción e o emprego de novas tecnoloxías”. Tamén desde o Colexio oficial non se esquecen do seu traballo en urbanismo, docencia, investigación ou no achegamento e reinterpretación da vivenda tradicional onde acadou un modelo con características propias e identificables.

César Portela agradece “de todo corazón” ao Colexio de Arquitectos de Galicia este premio á súa traxectoria profesional. Considera que para un arquitecto hai dous tipos de recoñecementos que o poden encher de satisfacción, o que emana dos usuarios das obras, cando mostran o seu agrado por habitar eses espazos proxectados e construídos co fin de que se sintan a gusto habitándoos; e o segundo, o que provén dos compañeiros de profesión.

“Este recoñecemento énchete de orgullo e compénsache das mil e unha batallas que cada día libramos no exercicio do noso traballo, tanto no terreo da ética como da estética, para lograr saír indemne e satisfeito persoal e profesionalmente neste campo minado no que se vén desenvolvendo o exercicio da nosa profesión, e no que en cada hora, cada día ou cada obra temos que tomar decisións difíciles que esquiven o mal gusto e os intentos de corrupción imperantes, o cal non é tarefa fácil”, sinala.

O arquitecto asegura que en todas as épocas se fixo boa e mala arquitectura. E ao percorrer Galicia, Portela asegura que temos ocasión de ver novas actuacións urbanísticas e arquitectónicas deseñadas por compañeiros “que me alegran a viaxe pola súa gran calidade”.

Aínda que confesa que tamén lle espantan edificios e urbanizacións feitas nas derradeiras décadas que parecen proxectadas polo demo para danar ou desfacer a paisaxe onde se asentan. “Hai que seguir loitando por mellorar a calidade do noso traballo por propia estima e por obriga, porque vivimos nun país que ten un territorio e unha paisaxe natural moi variados, moi ricos e marabillosos. E temos que loitar por construílo e sublímalo cos artificios que facemos e non danalo ou destruílo” –argumenta.

Tras décadas á fronte do seu estudio en Pontevedra, Portela lembra que cando comezou a exercer a profesión, a arquitectura era máis personalizada, ao ter máis relación con mestres de obra, cos carpinteiros, cos canteiros..., pero sinala que iso se perdeu bastante a día de hoxe.

“En cada época a arquitectura camiña en sintonía coa sociedade, é reflexo de como somos. E hoxe vai da man do nivel tecnolóxico acadado, e tamén está moi condicionada pola burocracia imperante. O bo sería aproveitar o mellor de antes e o mellor de hoxe, para ben da arquitectura, do país e de nós mesmos”

César Portela Fernández-Jardón naceu en Pontevedra en 1937 onde ten o seu estudio de arquitectura. Cursou estudos de arquitectura nas Escolas Técnicas Superiores de Arquitectura de Madrid e Barcelona. Ten obra construída presente en países como Xapón, Venezuela ou Exipto, entre outras xeografías.

16 sep 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.