Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Premio Otero Pedrayo para ás fundacións dos autores da Xeración Nós

A proposta da entrega do galardón foi formulada polo presidente da Deputación de Ourense

As catro fundacións que defenden o legado de Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Losada Diéguez e Castelao, recibirán o Premio Otero Pedrayo 2020, así o acordou hoxe o xurado do galardón, reunido por videoconferencia, logo de escoitar a proposta formulada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na que defendeu “o encomiable esforzo e dedicación que levan a cabo estas fundacións para manter vivo o pensamento e a obra destes grandes das nosas letras, intelectuais da Xeración Nós, que puxeron a Galicia en Europa”. Manuel Baltar comunicoulle por teléfono aos máximos representantes das respectivas fundacións o fallo do xurado.

Así mesmo, Baltar propuxo ao xurado senllas mencións de honra para o Museo Arqueolóxico de Ourense, “institución de carácter público que soubo recoller o maxisterio de Florentino L. Cuevillas”, e para o Concello de Cambados, “sustentador do museo na casa natal de Ramón Cabanillas, no barrio de Fefiñáns”.

A candidatura presentada por Manuel Baltar foi a seguinte: “Sras. e Sres. membros do xurado da presente edición do Premio Otero Pedrayo, galardón instaurado en 1977, por iniciativa dos nosos catro gobernos provinciais, ó que, despois, coa chegada do autogoberno, se incorporaría a Xunta de Galicia.

“Ourense, a ourensanía como peculiaridade e sentimento de pertenza á Terra Nai, como parte substancial desta nación cultural á que chamamos Galicia, esténdese por todo o mundo. Os ourensán experimentamos, alí onde nos encontremos, con orgullo, ese sentimento e transformámolo, cada quen na medida das súas posibilidades, en creacións que contribúen ás diversas esferas da actividade humana, moi especialmente no eido cultural.

“Sabíao ben Don Ramón Otero Pedrayo, que entre moitas outras tarefas, soubo aportar á investigación, ó pensamento, á literatura, e tamén á política, esa dose de ourensanismo, da interpretación do mundo a partir da realidade máis próxima, máis íntima e vivencial.

“Dentro de doce días, o venres 30 do mes que andamos, cumpriránse cen anos da aparición, nesta cidade, imprentado en La Región, do primeiro número da revista Nós. Dirixida por Vicente Risco, figuran como redactores da revista, Antón Losada Diéguez, Ramón Otero Pedrayo, Florentino L. Cuevillas, Alfonso R. Castelao e Ramón Cabanillas.”

“Nós comezou sendo unha carpeta de maxistrais debuxos de Castelao, pasou a ser cabeceira da revista, denominou toda unha xeración, impregnou a investigación, as artes, as letras, as ideas, o pensamento político e conectounos con Europa e co mundo. Constituíu unha verdadeira marca de Galicia, da de dentro e da de fóra, porque trala barbarie da guerra incivil e da brutal represión, coa longa noite do exilio, Nós non morreu, trasladouse á outra beira do Atlántico e seguiu agromando”.

“Ourense, onde Nós naceu, sempre estivo, dunha ou doutra maneira, vencellada, ó pensamento e á acción dos homes de Nós”.

22 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.