Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Premio Xosé Neira Vilas de novela curta para o escritor Álvaro Domínguez

O xurado destacou na novela gañadora, ‘Cristais rotos’, a forza dun relato que mergulla ao lector nas vivencias duns personaxes que beirean a traxedia

O xurado da sétima edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta decidiu no día de onte, e por unanimidade, concederlle o galardón á obra Cristais rotos, de Álvaro Domínguez. A sesión celebrouse no compostelán Pazo de San Roque e o xurado estivo integrado por Juan Andrés Fernández e Rosalía Morlán, membros da Fundación Xosé Neira Vilas, así como polo investigador, crítico literario e profesor universitario Armando Requeixo.

O tribunal argumentou a súa decisión na forza narrativa dun relato que profunda nas luces e sombras dunhas vidas golpeadas polo destino. Asimesmo, salientou a habelencia na orquestración estrutural da obra, na que conflúen tramas alternas as e complementarias, escritas cunha prosa brillantemente perfilada de díalogos áxiles e cheos de verosimilitude.

Despois de publicar relatos curtos en portais dixitais como Amateurs Hotel ou The Barcelona Review, Álvaro Dominguez estreouse no medio impreso formando parte da antoloxía Lo que no se dice, da editorial Dos Bigotes. Foi un dos finalistas do premio Cosecha Eñe 2017 convocado pola revista Eñe. Ese mesmo ano recibe o premio Tandaia por Veintitantos problemas, a súa primeira novela en castelán. Despois de cursar o Máster de Edición Universidad Autónoma de Madrid-Taller de Libros traballou no mundo editorial en calidade de lector de manuscritos, corrector, tradutor e tamén en prensa. Historiador do Arte de formación, na actualidade dedícase ao ensino.

O galardón será entregado o vindeiro 3 de novembro nun acto público na sede da Fundación Xosé Neira Vilas en Gres, que comezará ás 18.30, e que coincide coa conmemoración do Día do Lector. O premio está dotado con 1000 euros e a publicación do traballo seleccionado. O obxectivo deste certame, dirixido a público infantil e xuvenil, é estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega e proporcionar obras de calidade ao público mozo que lle permitan achegarse ao engaiolante mundo da novela.

O Día de Neira Vilas contempla tamén nesta ocasión a inauguración dunha exposición coas ilustracións realizadas pola artista plástica Belén Rodríguez Pazo para O cabaliño de buxo, que o escritor de Gres dera a coñecer en 1971 e da que agora se ofrece unha reedición na colección Árbore de Galaxia.

pasadas edicións. Diario de Brian, o chinés, de David Daniel Vázquez Álvarez, foi a novela galardoada na primeira edición, unha historia protagonizada por adolescentes que viven experiencias que cambiarán as súas vidas. Na segunda edición, o premio recaeu en An Alfaya por O home de negro, unha sorprendente proposta metaliteraria e autorreflexiva coa que experimentar unha lectura altamente suxestiva.

O xornalista da TVG Pedro Rielo gañou a terceira edición. sca, de Antonio Piñeiro, foi o quinto galardoado, cunha novela que destaca por pola súa ambición estética, a prosa lírica e riqueza léxica. Diana Varela foi gañadora coa A conxura, un relato que nos leva a territorios míticos explorados en obras anteriores cargados de misterio e fascinación. Fóra de rexistro, de Virxilio Rodríguez, foi ou último volume galardoado. A edición dos libros premiados está a cargo de Embora.

28 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.