Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Presentado o Proxecto Nós a prol do galego en Donosti

Valentín García expuxo ante membros doutras autonomías esta iniciativa estratéxica que impulsa a lingua nas contornas dixitais

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, compartiu este mércores con outras comunidades o Proxecto Nós de intelixencia artificial ao servizo da lingua galega, a iniciativa estratéxica na que a Xunta e as universidades galegas traballan para conseguir a presenza do galego nas contornas dixitais.

Fíxoo durante a xornada Transición Dixital Multilingüe na Nova economía da Lingua, organizada pola Sociedade Española de Procesamento da Linguaxe Natural (SEPLN) co apoio do Departamento de Cultura e Política Lingüística do Goberno Vasco e do HiTZ, Centro Vasco de Tecnoloxía da Lingua.

O representante da Xunta de Galicia participou na sección Presentación das iniciativas públicas, onde sinalou que os obxectivos clave deste proxecto, que acaba de entrar na súa segunda fase de desenvolvemento cunha inxección de máis de 600.000 euros, consisten en “situar o galego na vangarda das tecnoloxías lingüísticas”.

Para iso desenvólvense os recursos e as ferramentas para o procesamento automático do galego e elabóranse demostradores que permitan “visibilizar as posibilidades dos recursos, facilitando a elaboración de aplicacións e creando un ecosistema galego innovador”, segundo explicou o representante da Consellería de Cultura.

O Proxecto Nós é unha iniciativa estratéxica impulsada polo Goberno autonómico en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, que chegará ás tres universidades galegas, enmarcado na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e ao que se pretende dedicar un total de 15,5 millóns de euros, o maior investimento directo na promoción do idioma galego en toda a historia.

Previsto para levarse a cabo en catro anos, este pasado mes de maio entrou na súa segunda fase de execución, na que se sacarán adiante seis dos oito subproxectos nos que se divide, centrados na síntese de voz, no recoñecemento da fala, na xeración automática de textos, nos sistemas de diálogo, na tradución automática e na corrección e avaliación lingüística.

O obxectivo final polo que traballan os diferentes expertos do ámbito da lingua e da tecnoloxía dentro desta iniciativa é permitirlle á cidadanía galega interactuar con asistentes de voz, contar coa subtitulación automática de contidos audiovisuais, cun apoio ao diagnóstico médico, con servizos de teleasistencia avanzada e coa tramitación administrativa a través de asistentes virtuais, entre outras accións, e todo utilizando o idioma galego.

01 jun 2022 / 18:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.