Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Programa para fomentar entre os maiores de 60 o exercicio físico

A Xunta tenta extender ‘Adestra a túa saúde’ a toda Galicia trala experiencia
en Arteixo e Abegondo// Pretende mellorar a calidade de vida dese colectivo

A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha o programa piloto Adestra a túa saúde nos servizos de atención primaria dos concellos de Arteixo e Abegondo. A Consellería de Sanidade e a Secretaría xeral para o Deporte promoven de forma conxunta este plan para a prescrición de exercicio físico desde o ámbito sanitario e o seu seguimento desde o eido comunitario.

Dirixido, principalmente, ás persoas maiores de 60 anos, sas ou con factores de risco cardiovascular –padecer diabetes, hipertensión, dislipemia, obesidade, sobrepreso ou sedentarismo-, Adestra a túa saúde pretende mellorar a calidade de vida e afondar na prevención da fraxilidade destas persoas, a través da práctica de exercicio.

Este programa alíñase coa estratexia de promoción da saúde e prevención do Sistema Nacional de Salud, o plan galego de atención primaria e a Estratexia galega para a atención a persoas en situación de cronicidade.

O promotor, figura clave. Con motivo do Día Mundial da Obesidade, a directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán; o director xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde; reuníronse onte, co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, para comprobar a súa posta en marcha. Na reunión estivo presente, tamén, o técnico municipal de deportes, peza clave no desenvolvemento de dito programa.

Tal e como explicaron, son os profesionais sanitarios do centro de saúde –persoal médico, enfermeiro e fisioterapeuta- os que detectan ás persoas destinatarias e as invitan a participan no programa. Se a resposta é afirmativa, remíteselles, entón, a un promotor de exercicio físico do concello, quen será o encargado de avaliar a súa condición física e quen acordará con ela o tipo de exercicio, tendo en conta as recomendacións do persoal sanitario e os servizos dispoñibles no concello.

Un proxecto piloto en dúas fases. Precisamente, Adestra a túa saúde activouse a mediados de febreiro en Arteixo e Abegondo, xa que ambos os dous contan con profesional promotor de exercicio físico, figura fundamental no desenvolvemento deste plan.

A previsión é acadar os 60 usuarios inscritos no programa a mediados deste ano. Tendo en conta o perfil do usuario, o programa está dirixido ás máis de 7.000 persoas maiores de 60 anos que residen nestes dous municipios.

O obxectivo do Goberno galego é adaptar dito programa á realidade de cada un dos concellos de Galicia. Durante este primeiro semestre de 2022, avanzarase na definición do programa, para despois estudar a súa extensión.

Impulso á dieta atlántica entre os alumnos de Bacherelato e de FP
Ademais do Goberno galego participan Vegalsa-Eroski, o
CSHG e Dieta Atlántica

Santiago. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou onte na primeira das xornadas formativas sobre a dieta atlántica impulsada pola Fundación Dieta Atlántica e a distribuidora alimentaria Vegalsa-Eroski, en colaboración co Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), no marco da programación do Xacobeo 21-22.

Trátase dunha iniciativa enmarcada na liña de alimentación e saúde do programa Xacobeo 21-22 da Xunta, destinada aos alumnos de Bacharelato e Formación Profesional de institutos galegos, que nos próximos meses asistirán a unha sesión informativa no CSHG sobre Alimentación Saudable e Dieta Atlántica, da man de especialistas neste estilo de dieta, que participarán nun obradoiro de cociña de pratos elaborados seguindo os criterios atlánticos.

Preto de 40 alumnos do IES Rosalía Mera da Coruña foron os primeiros que participaron na iniciativa coa que se busca concienciar sobre a importancia da alimentación saudable aos futuros xestores hostaleiros e cociñeiros.

Na presentación do programa, ademais de Nava Castro, participaron a directora científica da Fundación Dieta Atlántica, Rosaura Leis; a directora do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, Marta Fernández, e a directora de Comunicación de Vegalsa-Eroski, Gabriela González.

As Xornadas sobre Dieta Atlántica son unha iniciativa para dar a coñecer os valores do estilo de vida atlántico a través do seu patrón alimentario característico, os seus principais produtos, valores nutricionais ou xeitos de cociñado, co obxectivo de trasladar este coñecemento aos futuros hostaleiros, formas de cociñado... para poder trasladalos ao sector hostaleiro en todos os seus ámbitos de actuación.

“Somos conscientes de que a gastronomía é fundamental na promoción turística e que o traballo, o esforzo, a profesionalidade e a dedicación dos últimos anos está a permitir que Galicia se posicione como destino enogastronómico de primeiro nivel”, destacou Nava Castro, quen fixo fincapé no grado de recoñecemento que ten acadado a cociña galega grazas ao traballo dos seus profesionais e que permitiu situar á comunidade galega no sexto posto con maior número de restaurantes recoñecidos con Estrelas Michelin. “A Galicia entendémola degustando a súa gastronomía e os valores da dieta atlántica forman parte do ADN da nosa restauración”, concluíu.

Outro dos compoñentes esenciais da dieta atlántica é o seu papel crave na prevención da obesidade a través da intervención das familias e da actividade física. E a súa contribución á prevención do cancro e o envellecemento, factor que explicaría que Galicia conte cunha das poboacións máis lonxevas do mundo. A Dieta Atlántica ofrece ademais a posibilidade de medila cunha serie de criterios que establece un índice de grupos de alimentos e cantidades recomendables que marcan a adherencia a este tipo de dieta e exponse de maneira operativa e que poida usarse de forma habitual. ecg

04 mar 2022 / 20:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.