Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Programación especial polo décimo aniversario da Biblioteca de Galicia

As actividades céntranse en diversas mostras e encontros con escritores // Inclúe homenaxes a Pardo Bazán e Xela Arias

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou onte a programación impulsada pola Xunta de Galicia para conmemorar o décimo aniversario da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, que incluirá cinco exposicións temáticas sobre figuras como as escritoras Emilia Pardo Bazán e Xela Arias ou a ilustradora Lolita Díaz Baliño. Compleméntase, ademais, con retrospectivas sobre a ilustración xacobea e os principais fitos da biblioteca nesta década, así como cunha ampla oferta de encontros e xornadas con escritores.

Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o obxectivo destas actividades é poñer en valor a primeira década de vida dunha institución que, xunto ao Arquivo de Galicia, funciona como “a gardiá da memoria documental e bibliográfica da nosa Comunidade”.

“Ao longo destes dez anos a Biblioteca de Galicia consolidouse como unha institución fundamental para a memoria e o legado de Galicia atesourando e poñendo a disposición da cidadanía un rico patrimonio documental”, afirmou.

Neste senso, destacou que un dos grandes fitos desta década é que a Biblioteca de Galicia estea xa consolidada como unha “institución de vangarda” capaz de responder aos retos de hoxe en día ao apostar pola dixitalización dos seus fondos a través de proxectos como Galiciana. Ademais, tal e como subliñou Anxo M. Lorenzo, a Biblioteca de Galicia xoga un papel fundamental no desenvolvemento de actividades culturais relacionadas co libro, a lectura e a difusión da cultura galega.

Recordo a galegas ilustres. O programa de actividades conmemorativas desta década está formado por un total de cinco exposicións nas que se pon en valor a traxectoria vital de distintas galegas ilustres.

A primeira delas céntrase na figura da ilustradora coruñesa Lolita Díaz Baliño, primeira muller homenaxeada no Día da Ilustración e unha das primeiras mulleres en ingresar na Real Academia de Belas Artes. Trátase dunha mostra fundamental para coñecer o legado profesional e vital desta figura que foi clave para as artes galegas e que reúne no Gaiás máis de 60 pezas, incluíndo algunhas obras orixinais da autora.

A seguinte exposición estará centrada na celebración do Día das Letras Galegas 2021, dedicado este ano a Xela Arias, unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea. A continuación, xa no mes de xullo, programarase unha mostra que repasará a historia da ilustración xacobea e que se poderá visitar nas instalacións da Biblioteca de Galicia ata o vindeiro mes de outubro.

Como parte da conmemoración do décimo aniversario, a Xunta de Galicia tamén impulsará unha exposición retrospectiva que permita afondar nos 10 anos de historia da Biblioteca, visitable a partir do mes de outubro. Trátase dunha mostra para coñecer de preto o labor e o rico patrimonio documental que atesoura que inclúe o depósito legal de todas as publicacións editadas en Galicia, así como o legado cultural deixado por Isaac Díaz Pardo, obras e grabados de Seoane, a biblioteca de Basilio Losada, obras de Carlos Casares ou a máis completa cartografía de Galicia forman parte dos fondos abertos a toda a cidadanía.

O calendario de exposicións conta tamén cunha homenaxe á escritora Emilia Pardo Bazán con motivo do centenario do seu pasamento, que se poderá ver desde novembro e ata xaneiro de 2022. Ademais incluirase unha xornada de debate sobre o traballo das bibliotecas en Galicia, así como xornadas con distintos encontros de autores e público, así como distintas actividades do mes da ciencia nas bibliotecas.

06 mar 2021 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.