Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Propulsa danza’ pecha en Ponteareas, logo de facer 27 espectáculos

O programa cultural da Xunta despídese despois de chegar a máis de 2.000 persoas

Santiago. O programa Propulsa danza da Xunta despídese este domingo en Ponteareas, tras chegar a máis de 2000 persoas con 27 espectáculos en toda Galicia

O Castro de Troña acolle a última sesión da iniciativa, con 8km en mula, de Álvaro Murillo; A temperatura O temperamento, de Fran Martínez; Emakumeak, de NODE, e Coreografías dun DeMente, de Fran Sieira Compañía de Danza. A cita enmárcase na programación cultural do Goberno galego que este verán suma máis de 3.000 actividades e percorre espazos singulares da xeografía galega a prol da posta en valor da riqueza patrimonial e paisaxística a partir das artes do movemento.

O Castro de Troña, en Ponteareas, convértese este domingo en escenario da última sesión do programa da Xunta Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio, que se despide tras chegar a máis de 2.000 persoas. Así, desenvolvéronse cun cheo case total os 27 espectáculos previstos en espazos singulares de toda Galicia, nos que se incluíron catro estreas. A iniciativa, enmárcase na programación cultural da Xunta para este verán que suma máis de 3.000 actividades. Foi posta en marcha como novidade este ano e percorreu a xeografía galega desde o 2 de xullo coa participación de 30 compañías, 23 delas galegas e as restantes de diversos puntos de España, Portugal e Francia, para poñer en valor a riqueza patrimonial e paisaxística a partir das artes do movemento.

A función de peche comezará ás 19,30 horas e nela representaranse dúas pezas de compañías convidadas, con 8Km en mula, do estremeño Álvaro Murillo, e Emakumeak, da vasca NODE. Xunto a elas estarán os espectáculos galegos de Fran Martínez, con A temperatura O temperamento, e Fran Sieira Compañía de Danza, con Coreografías dun DeMente.

8Km en mula inspírase na obra de Federico García Lorca Bodas de sangre, baseada á súa vez nun feito real acontecido en 1928. Pola súa banda, A temperatura O temperamento, creado e interpretado por Fran Martínez, preséntase como un acto de fe na materia da que se compón o corpo, da linguaxe que lle é propia. Esta iniciativa cultural insírese na colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia. REDACCIÓN

29 ago 2021 / 00:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.