Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Protexido como BIC un microscopio naturalista

Un dos nove que se conservan, foi creado polo padre da microbioloxía, Van Leeuwenhoek

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, recibiu este mércores no seu despacho a Tomás Camacho, propietario do microscopio naturalista de Antony Van Leeuwenhoek, peza única en España que a Xunta vén de protexer como Ben de Interese Cultural.

Acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Ínsua, agradeceulle o seu traballo de conservación deste ben e o seu interese por divulgalo entre o público, ao conseguir que formase parte de distintas exposicións.

O microscopio é o primeiro instrumento científico protexido patrimonialmente pola Xunta, e un dos nove que se conservan en todo o mundo.

Foi creado a finais do século XVII polo microbiólogo holandés Antony Van Leeuwenhoek e é un dos máis de 770 Bens de Interese Cultural cos que conta Galicia.

O propietario explicou o devir do microscopio, que foi atopado no dragado dunha canle e que chegou ás mans de Tomás Camacho a través dunha venda en internet.

Unha vez autentificado polo profesor Brian Ford, do departamento de Química da Universidade de Cambridge, proceso que se tomou arredor de seis meses, o microscopio comezou a ser exposto para fomentar o interese pola ciencia. De feito desde o ano 2015, coa paréntese da pandemia, a peza foi exhibida en actividades de carácter didáctico, cultural e científico.

De cara aos próximos meses, estase ultimando unha exposición sobre esta peza, na que se dea a coñecer a historia do seu creador, Leeuwenhoek, que da súa profesión orixinal como comerciante de teas pasou a converterse no coñecido como o pai da microbioloxía. Non en balde, a través das lentas biconvexas, que fabricou desde a pura intuición, observou por primeira vez na historia espermatozoides ou bacilos e glóbulos vermellos, que documentou en ilustracións.

14 abr 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.