Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Reabre ao público a mostra do Consello sobre o rei Afonso X

Cando se cumpren oitocentos anos do seu nacemento, esta exposición acada sona

Afonso X e Galicia é o título da exposición coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) afonda na conexión galega do Rei Sabio cando se cumpren oitocentos anos do seu nacemento. A mostra, que estivo pechada por mor das circunstancias sanitarias actuais, reabre ao público no seu horario habitual. O proxecto expositivo compleméntase cun espazo web onde figuran materiais sonoros, audiovisuais e unha proposta de roteiros que convidan a percorrer o patrimonio galego en conexión co legado afonsino.

A exposición ábrese ao público na Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela co 30% da súa capacidade. Alí estará ata o 24 de abril, momento en que comezarán as itinerancias previstas. A primeira das súas paradas será Ourense, no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

A mostra permite dar conta da relevancia de Afonso X, pero sobre todo, da súa influencia na cultura galega e da vixencia do seu pensamento. Comeza situando ao monarca na súa dimensión máis humana, para despois ofrecer a vida e conflitos persoais do monarca. O percorrido segue co scriptorium afonsí, o obradoiro onde os manuscritros e as miniaturas cobran o protagonismo presentando o intenso e valioso labor científico, histórico e cultural desenvolvido polo monarca. De seguido pon de relevo o apartado músical e dos instrumentos medievais coas distintas reproducións chegadas a Compostela desde diferentes espazos.

O espazo central da mostra está dedicado ás Cantigas de Santa Maria relacionadas con Galicia. Neste lugar poden verse as Cantigas simultaneamente en seis pantallas aéreas, a modo de constelacións, facendo ese aceno ao mundo da astroloxía e astronomía tan importante para o monarca. A exposición remata coa recreación da sociedade medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial das Cantigas de Santa Maria.

A exposición conta cun espazo web e cun audiovisual que permiten acceder dese xeito ao seu contido amosado noutros moitos soportes.

24 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.