Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Reivindicación da identidade propia coa tradición do entroido

A firme tradición do entroido, concibido como necesaria válvula de escape antes dos rigores da Semana Santa, ten resistido toda clase de condenas relixiosas e prohibicións políticas. Á nenez, que adora disfrazarse baixo calquera pretexto, sorprenderálle saber que en España estivo proscrito durante catro décadas. De aí o interese tanto maior de obras como a presente, Non pare a festa. É tempo de Entroido 2, reflexo dun legado cultural que debe manterse vivo de xeración en xeración desde os primeiros anos.

O acerto de partida de Ramón D. Veiga é ter comprendido que este feito permite aforrarse calquera escusa narrativa, que só tería entorpecido con banalidades o desenvolvemento do tema. Así, preséntalle á infancia sen prolegómenos un desfile de figuras típicas do entroido galego, descritas brevemente, mais sempre adornadas cos detalles oportunos para prestarlles un carácter definido, de modo que lle sexa posible a identificación. O texto disponse en breves estrofas monologadas con rima, tan divertidas de ler como fáciles de asimilar. O disfrace é sempre unha patente de corso para a locuacidade investida de descaro. Polo demais, a información que acompaña a este folclórico catálogo en verso sorprende pola súa solidez, e logra plenamente o seu obxectivo de estenderse sen agoniar nin confundir a quen o abre, probablemente in albis en materia de entroidadas locais, para pechalo coa impresión de que ditas festas presentan un bo elenco, perfectamente diferenciado. En verdade, o noso entroido galego nada ten que envexar ao emblemático veneciano, e acaso a nenez niño prefira ao final disfrazarse no próximo como algunha da súas figuras tradicionais antes que recorrer ás ofrecidas polos mass media. O pequeno lector pode pasar a personaxe provisional. O único que se bota en falta son as contrapartidas femininas.

A elección do colaxe para as ilustracións de David Sieral constitúe un acerto, xa que ningunha técnica reflicte mellor o universo das máscaras. Os recursos empregados consisten en superficies planas, cores de alto contraste e formas sinxelas, mais sen por iso caer en esquematismos. O tratamento resulta así impecable. Cada figura destaca co necesario grao de detalle, plasmando o seu atrezzo folclórico minuciosamente.

En resumo, unha obra cuxa lectura será por excepción tan proveitosa para a nenez como para os seus pais, xa que o entroido brinda a única escusa en todo o año para incorrer en infantilismos sen sensación de culpabilidade.

05 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.