Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Reler a Gianni Rodari: Era dúas veces o Barón Lamberto

Desta volta a editorial Kalandraka na súa colección Sete Leguas recupera Era dúas veces o Barón Lamberto (C’era due volte il barone Lamberto) (1978) cun volume que evidencia un grafismo renovado e extremamente coidado, para o cal contribúe a discreta, mais expresiva composición visual, asinada polo ilustrador español Javier Zabala. Non sendo unha narrativa breve, nin lineal, a súa lectura proporciona momentos de goce, moi motivada pola forte carga humorístico – en certo modo, de raíz nonsensical e con pasaxes caricaturescas – que distingue o discurso. Estruturado en 12 capítulos e un epílogo, o texto céntrase na vida do protagonista anunciado no título, un aristócrata ancián, con moito diñeiro, mais con moitas doenzas e que, grazas a un tratamento exipcio, rexuvenece ou mellora a súa saúde. Se o cómico é notorio, a reflexión de contido ético ao redor de tópicos como o oportunismo, o materialismo ou os dereitos dos traballadores preséntase con perspicacia e sutileza.

En suma, voltar a ler a Gianni Rodari e, en particular, a obra Era dúas veces o Barón Lamberto, é un reencontro memorable coa escrita singular dun autor que contribuíu moito para a renovación da literatura infantil, un escritor cuxa ficción nunca deixou de tratar a liberdade, o inconformismo ou a rebeldía. E esta lectura é un xesto absolutamente necesario para quen pretenda expandir ou consolidar a súa cultura literaria, o seu intertexto lector, porque Rodari é un clásico imprescindible tamén para quen se dedica á mediaçión da lectura cos lectores máis novos.

sara_silva@ie.uminho.pt

12 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito