Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Resituando as orixes galegas

Non sempre resulta doado resumir en duascentas páxinas un feito histórico de séculos, máis aínda cando o analizado forma parte dunha mitoloxía identitaria que cómpre polo menos delimitar. Isto é o que ven de facer con moito acerto Francisco Xavier González García en Celtas, castrexos e romanos (Xerais). Un ensaio que revisa a evolución dos primeiros galaicos desde o mitoloxema dos celtas (en xenérico), a posterior definición da cultura castrexa e, xa máis recentemente, os efectos da romanización e a creación dunha cultura híbrida.

Teño a sospeita (non son de afirmar certezas) de que este ensaio, malia a súa brillantez expositiva e documental, resultará coma unha chamada no deserto. Terá que bregar contra os fundadores do galeguismo cultural (primeiro os Vicetto e Murguía; despois os homes de Nós: Risco, Otero Pedrayo e López Cuevillas) que, con mellor ou peor vontade, estableceron que os devanceiros dos galegos foron celtas e así quedou na mente colectiva.

Máis aínda cando se seguen a empregar tópicos coma o da “música celta” para irmandar manifestacións relativamente recentes, sen apenas tiveron interacción entre elas por moito que gustemos de bailar ao ritmo dunha jiga irlandesa ou dun kan ha diskan bretón (ao cabo, as gaitas non chegaron a Galicia ata o século XII -non hai no Pórtico da Gloria- e a Escocia no XIII).

Malia estas adversidades, que os primeiros habitantes da esquina noroeste da península Ibérica fosen celtas queda fóra de toda dúbida. Outra cousa é se foron capaces de xerar unha cultura de seu que os fixese un grupo homoxéneo á hora de compartir lingua, costumes, maneiras de construír, crenzas, etc. Porque, efectivamente, serían celtas pero queda sen aclarar que se chegaron ata terras atlánticas, previamente cruzarían outras terras peninsulares.

Uns celtas que desde hai século e medio foron tidos por individuos chegados do norte, o que emparentaría aos galegos cos outros pobos celtas superviventes, cando a realidade demostra que, pertencendo a un grupo indoeuropeo, as súas orixes estarían no leste de Europa. Como se tal circunstancia tivese un valor superior a ter unha orixe norteafricana, poñamos por caso.

O profesor González García revisa con detalle a evolución historiográfica que houbo cara a 1980 cando a denominación de celtas, aplicada a aqueles grupos, pasou a cultura castrexa por resultar o denominador común a maneira de estruturarse socialmente: en castros. Unha cultura que se estendería entre o Cantábrico, o Atlántico, o Douro e as montañas que delimitan a meseta.

Unha cultura que coñecemos polos restos que deixaron e que a arqueoloxía foi descubrindo desde hai case dous séculos. Obxectos que foron tidos ás veces por privativos (as mámoas, por exemplo) pero que resultan comúns a zonas xeográficas que non por iso foron consideradas célticas. De igual xeito, a presenza de adornos e xoias, que podían teren orixes foráneas (adquiridas por persoeiros castrexos) pero que pasaron a seren considerados de factura local.

Pero tal vez o asunto máis innovador -unha vez pasou a consideración da cultura castrexa coma período pechado en si mesmo- é o impacto que tivo a conquista romana. Nas mentalidades nacionalistas hispánicas sempre houbo un arrouto contra os romanos: Numancia no caso español, o Monte Medulio no galego. Obviamente, habería resistencia fronte á presencia duns invasores que querían dominar o territorio e as persoas coas armas pero cabería formular aquela pregunta da película A vida de Brian: ¿que fixo Roma por nós?

E no estudo de González García resulta evidente que a romanización tivo dous efectos principalmente, aínda que fose de maneira serodia verbo doutras terras de Hispania: establecer unha organización xurídica e administrativa nun territorio (cos tres conventos lucense, bracarense e asturicense) que en conxunto foi chamado Gallaecia e vinculalo ao resto do Imperio grazas ás comunicacións, ao comercio, á lingua (e á escrita) e ao cristianismo.

Porque con substrato celta ou con aportacións alleas, o certo é -malia a mitoloxía defendida polos nacionalistas- que a sociedade galaica que agromou coa nosa era foi unha sociedade romanizada e a lingua que transmitiu, co paso dos séculos, foi unha lingua de base latina.

Joaquim Ventura

17 jun 2021 / 12:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.