Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Responsabilidade e civismo na pandemia que se adaptan ao nivel da infancia

A epidemia do coronavirus e o seu tremendo impacto sociolóxico empezan a dar os seus froitos creativos temperáns, senón permanentes. O feito significativo de que xurdan na propia literatura infantil, polo xeral sumida nun limbo intemporal e idealizado que a impermeabiliza ante as traxedias colectivas do presente, recalca o impacto desta.

En Quero saír! (Embora, 2020), de María Canosa, móstrase a situación dunha nena pequena, filla única, vítima case solitaria de confinamento domiciliario, quen expresa as súas frustracións cunha contundencia que arrinca xa do imperioso e reiterativo título, plasmado na portada por unha pintada da protagonista.

A súa lóxica protesta vai dando curso á resignación. Polo demais, o texto narrativo é a escusa para artellar as ilustracións, ata o punto que nalgunhas se integra como os bocadillos dunha viñeta de cómic. A busca de independencia gráfica dá tamén lugar a recursos orixinais, como os círculos flotantes onde a clausurada nena visualiza os seus soños, creando un espazo subxectivo. Co uso dos ángulos para situala, cuestiónase o carácter ortogonal do espazo doméstico. A presenza reiterada da súa mascota, un gato, serve para acentuar o papel da imaxe.

De feito, os seus trazos característicos, ben diversificados nas súas felinas emocións que reflicten a da súa dona, é un claro acerto da ilustradora, tendo en conta a súa natureza tan pouco expresiva e os costumes sedentarios. No exterior, as aves tamén se prestan a unha identificación máis obvia canto máis lonxe. En cambio, a presenza adulta limítase á materna nunha única ocasión e coa ocultación deliberada do seu rostro, aínda que sexan as súas ordes razoadas as que dirixan a acción.

Unha obra certamente conxuntural, capaz de superar o fácil cargo de oportunismo, ao infundir o sentido da responsabilidade e o civismo, esixidos a crise presente, que se adapta ao nivel infantil, volvéndoa comprensible.

03 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.