Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Rompendo os estereotipos e a adxudicación da identidade sexual

O álbum Na busca de Antón (Alvarellos, col. Verdemar, 2021), da mestra Ana López Quintela (Santiago, 1997) é unha obra a contracorrente dentro da literatura infantil, decidida a romper non só os estereotipos de xénero, senón a propia adxudicación dunha identidade sexual desde o berce: azul ou rosa. Neste caso a busca do protagonista vai dirixida ao seu interior. O texto, disposto en vivaces cuartetas, vai degrañando a base de rimas fáciles e interrogacións retóricas algúns dos tópicos sexistas que presiden a formación da infancia para así cuestionalos. De feito a autora, con razón consciente do seu atrevemento, considera necesario xustificarse nun apéndice.

Como se a súa propia ambigüidade se trasladase á imaxe, o evanescente protagonista só comparece nun par xusto de ocasións, incluíndo unha de rigor na cuberta, facendo de capitán -ou quizais capitá en potencia- sobre un barco de papel. O resto das ilustracións céntranse nos múltiples obxectos cotiáns traídos a conto pola súa inmediata asociación cun ou outro sexo. En canto á súa técnica, combina con fortuna a colaxe, recorrendo a simples recortes de prensa, e efectos texturados mediante trazos de forte expresividade. O uso das nubes como bocadillos asimílaas ao cómic, feito que impacta coa ausencia case total de figuras.

En suma, todo un exemplo franco e inaugural de obra aberta. O lector infantil, acostumado desde sempre a personaxes dunha peza, a cara ou cruz, sentirase sen dúbida sorprendido -acaso á espera de identificarse- ante un que se evade do etiquetado máis elemental. En cambio, algún proxenitor retrógrado indignarase: Do príncipe matadragóns á drag-queen?

Non obstante, tanta audacia arrastra unha hipoteca. Por que había que escoller un neno? Non tería sido aínda máis rompedora unha protagonista feminina?

franciscojavier.cabo@usc.es

14 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.