Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Saen á luz as xoias do ‘novo’ Sobrado dos Monxes tras os traballos de restauración

Está previsto que a actuación promovida pola Xunta termine a finais de mes// Se mobilizaron 1,5 millóns de euros nas obras

Numerosos achados e avances saíron a luz na última actuación promovida pola Xunta de Galicia no Mosteiro de Sobrado dos Monxes e que está a piques de concluír, xa que está previsto que os traballos de conservación e posta en valor finalicen a finais deste mes.

Unha das principais conclusións ás que se chega produto da nova intervención promovida pola Xunta no mosteiro é que gran parte do conxunto estaría policromado. Nestas investigacións saíron á luz numerosos datos novos sobre evolución deste sobranceiro monumento, que forma parte de xeito individual da declaración de Patrimonio Mundial dos Camiños do Norte. As obras supuxeron a mobilización de millón e medio de euros.

A intervención ofrece numerosas descubertas e interpretacións como unha aproximación á dieta consumida por entón no mosteiro. A igrexa estaría parcialmente pintada, sendo a súa policromía orixinal especialmente rica, con tintas vermellas, negras e azuis e, sobre todo, unha profusión de dourados e prateados que permiten contextualizar perfectamente a importancia do Mosteiro e o seu poderío económico.

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, acometeu este proxecto, tanto na igrexa como no espazo de uso público.

Trátase de potenciar este recurso cultural e turístico, permitíndolle acadar un estado básico de conservación desde o que poñer en marcha prácticas de conservación preventiva e de mantemento.

Este investimento se enmarca no compromiso do Goberno galego de garantir e preservar os bens culturais máis singulares do noso patrimonio como fitos vertebradores da nosa identidade e dinamizadores da actividade cultural, turística e económica da nosa terra.

Este proxecto está vinculado tamén ao traballo que o Goberno galego ten en marcha encamiñado a dar resposta axeitada ao reto do Xacobeo 21.

Identificaron todos os elementos ocultos pola ruína e o abandono

Santiago. Na recuperación deste monumento realizouse un estudo exhaustivo das diferentes fontes bibliográficas e arquivísticas dispoñibles para poder actuar.

Esta investigación permitiu a identificación de todos aqueles elementos arquitectónicos “auténticos” dun edificio en estado de abandono e ruína tras as vicisitudes históricas entre a desamortización de Mendizábal (1836) e as reconstrucións acometidas por Francisco Pons-Sorolla a partir do 1956.

Estas primeiras intervencións de gran calado son a causa principal de gran parte da patoloxía, aínda que deben ser entendidas e xustificadas polo contexto histórico.

A reconstrución de Pons-Sorolla introduciu extensivamente estruturas armadas de cerámica e formigón que provocaron severas incompatibilidades físicas, químicas e mecánicas entre materiais novos e existentes, ademais de graves conflitos xeométricos e estruturais.

Identificáronse todas as filtracións mediante o estudo da humidade superficial dos muros grazas a unha cámara termográfica que certifica o deficiente funcionamento da cuberta. Intervencións posteriores non puideron máis que tratar de solucionar o problema sen abordar a súa causa.

O proxecto define unha actuación para resolver as patoloxías máis urxentes do conxunto e poñer en valor aqueles espazos de acceso e uso público.

O proxecto acometido pola Xunta permitiu incrementar o coñecemento histórico, artístico, arqueolóxico e técnico arredor de Sobrado dos Monxes que se describen especificamente para fachadas e cubertas.

Por exemplo, apareceron novos elementos construtivos descoñecidos e constátase policromía tanto de muros como de elementos escultóricos.

Ademais a restauración das cubertas sacou á luz barroteiros de apoio das vigas orixinais, ménsulas, cornixas, canalóns de pedra e gárgolas. Todos os datos aportados foron facilitados polo arquitecto Ignacio López de Rego.

Durante os traballos na fachada e a cuberta descubriuse que a capela de San Xoán era maior e o seu pavimento orixinal estaba situado por encima da banqueta de cimentación existente no seu interior; tamén constatouse que as torres, vistas desde a fachada, aparentaban ser moito máis estilizadas ao non existir o paramento que as une actualmente co frontón curvo a partir da primeira cornixa. Sendo así as torres exentas desde a cornixa sita baixo os corpos de campás., e que durante as escavacións arqueolóxicas apareceron restos dunha beirarrúa perimetral arredor da igrexa e das súas capelas.

Descuberto o sistema de acceso aos corpos altos das dúas torres do monumento e BIC

Santiago. Nos traballos de recuperación, posta en valor e investigación no Mosteiro de Sobrado dos Monxes descubriuse o sistema de acceso aos corpos altos das dúas torres formado por un conxunto de escaleiras de caracol independentes para cada torre, que discorren polo interior das mesmas voladas e/ou encastradas nos seus muros.

Estas escaleiras parten da terraza que existía entre as dúas torres permitían o acceso aos distintos niveis de cada unha delas. Á devandita terraza accédese a través dunha escaleira de caracol encastrada nunha das esquinas da torre sur.

E asimesmo, acháronse os restos do local onde estaba o campaneiro e que, posteriormente, foi utilizado para aloxar a maquinaria do reloxo.

Constatouse que parte dos muros e a torre Norte son de traza románica, en especial a prolongación del muro leste da capela de San Xoán até chegar á portada de acceso á capela do Rosario, no que se observa unha fiestra románica tapiada. Do mesmo modo o peche Sur da Capela de San Xoán, na súa unión coa Igrexa posúe zonas que son o muro orixinal románico.

Téñense descuberto restos de policromías por todo o interior da igrexa, tanto nos muros como nos elementos escultóricos o que sirve como elemento indiciario para establecer que a Igrexa estaba globalmente policromada.

Mención especial merece o que segundo Ignacio López de Rego sería o retablo de pedra, ricamente policromado, existente na cabeceira da capela do Rosario.

Dita cabeceira magníficamente esculpida con coroas florais, capiteis, arcos, anxos etcétera, está recuberta cunha policromía que incluía pan de ouro, producindo unha obra que no seu momento suporía unha visión extraordinaria.

E o Retablo da Capela do Rosario non foi en si mesmo deseñado exprofeso como tal, senón a suma de pezas, a veces inconexas, doutros retablos, pero todas cunha motivación clara: a exaltación da vitoria batalla de Lepanto.

Este retablo estaba pintado de marrón. Probablemente esta pintura efectuase a raíz da volta dos monxes do Císter ao Mosteiro, dada a austeridade da Orde.

05 jul 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito