Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Sobre o novo circo: unha arte que carece de espazo físico

Cando pensamos en circo, non é estraño que o noso ideario popular nos remita a un recinto de cores estridentes onde desfilan elegantes sombreiros, persoas-paxaro e animais en circunferencias ardentes. Pensamos nos circos ambulantes instalados nas periferias das nosas vilas ou, tal vez, no espectáculo “elevado”, nas empresas internacionais como o Cirque du Soleil e os seus números imposibles, que non deixan de ser espectáculos inconexos baseados no equilibrio, o vo e a forza.

Sen desbotarmos esa idea persistente do circo tradicional, as últimas décadas demostraron que esta arte está a evolucionar cara un espazo non físico, non delimitado por unhas condicións específicas (unha carpa, uns animais), senón artísticas. O coñecido como novo circo mestura a técnica pura cunha linguaxe comunicativa, rompendo esa esfera de seriedade e achegándose ao público.

“El nuevo circo, o circo contemporáneo, se lleva más a la calle y llega a todo tipo de espectadores, no solo a los que van a los teatros. Así cualquier tipo de público tiene acceso. La calle es de todos”, señala Raquel Veganzones, integrante da compañía Desastronauts. Outro factor é a falta de preparación dos teatros para acoller espectáculos deste tipo, tan asociados ao gran formato, como é o caso da carpa.

Tanto Veganzones como Girisho Gordon, os dous integrantes de Desastronauts, estudaron na escola londinense The Circus Space. En 2004 formaron Circo Expreso, e máis tarde mudarían o seu nome ao actual. Ademais, Veganzones traballou en diferentes compañías de circo, tamén tradicionais, na India e en Inglaterra, e fixo trapecio nun cruceiro dende o Mediterráneo ata o Caribe. A súa especialidade son os aéreos: cordas, teas, trapecio e, en xeral, acrobacias no aire. Todo isto, atravesado polo humor do novo circo, recóllese no seu show Máis alto aínda, que está a xirar por distintas localidades galegas este verán.

Outro espectáculo de novo circo que está movéndose é Ikigai, de SU.MA teatro, con Sue Moreno e María Move. O propio proxecto pretendía ser un ikigai en si mesmo, unha sorte de busca do sentido vital. O concepto é o dunha peza de danza-circo 360º, unha viaxe emocional onde a liña circense está integrada dentro do traballo físico, parte esencial. “Interésanos que o corpo fale, e que cando aparece a voz sexa para cantar ópera, ou para dicir unha onomatopeia que poida apoiar esa xestualidade”, explica María Move.

Segundo Move, a parte de clown é o seu forte en Ikigai, e funciona para conectar coa vulnerabilidade das persoas; pois ao facer clown un exponse, crea unha conexión co público moi especial. “Pura paixón é o que me levou a comezar aquí”, —explica—,“Para min, tódalas linguaxes artísticas, o circo, o teatro, a danza, a música, están integradas coma parte da vida. Na vida dánzase tamén. E en concreto, a parte física é unha linguaxe universal. Cando ves un espectáculo de teatro físico, da igual en que parte do mundo sexa, enténdelo”.

O mundo do circo reinventou os seus formatos e cada vez son máis os proxectos que queren facerlle eco. Un fito importante foi a creación do Circuito Circo a Escena, promovido pola INAEM e a Rede Española de Teatros. Pois resulta que, como sinala Move, cando hai moito que dicir a cultura pode medrar.

En Santiago de Compostela, Circonove é un proxecto autoxestionado por distintos creadores e creadoras, emprazado nunha nave industrial, que pretende ser un espazo de intercambio creativo e formación en disciplinas circenses. No seu recinto é habitual a celebración de Cabarets, números cortos de acrobacias, xogos, malabares ou clown que nada teñen que ver con Liza Minnelli: “é o nome empregado para unha gala composta por diferentes números. Hai unha temática, un presentador e espectáculos breves. En Arxentina chámaselle varieté”, explica Isla González, asambleario de Circonove.

15 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito