Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Suárez: “Temos nas mans a posibilidade de modelar o futuro”

Optimismo do presidente do CPEIG na 13ª Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou este venres a súa XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia cunha cea de gala no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago de Compostela na que se entregaron os premios anuais da profesión. Asistiron máis de 250 convidados ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración pública, do ámbito universitario e profesionais do eido tecnolóxico.

A Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.

Esta décimo terceira edición, conducida pola presentadora de televisión Paula Vázquez, foi inaugurada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, así como clausurada polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. Ademais, contouse coa asistencia doutras autoridades como o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos; e a concelleira de Economía do Concello de Santiago, Marta Abal; así como outras personalidades e representantes do sector TIC que exerceron como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.

Sen poder evitar a mención á covid-19, Fernando Suárez, comezou a súa intervención falando da covid.

O presidente do CPEIG sinalou que a economía pospandemia ten que ser intensiva en coñecemento e conta xa cun sector da enxeñaría en informática referencia na colaboración aberta, na compartición de recursos, información e ideas. Neste novo marco da economía do coñecemento, o presidente dos informáticos galegos compartiu a súa preocupación polo deseño do novo horario escolar para Primaria no que non figura a informática.

“Incluír esta materia permitiría introducir á nosa mocidade no pensamento computacional, proceso que inclúe habilidades propias da computación e o pensamento crítico para a resolución de problemas, o deseño de sistemas e o entendemento do comportamento humano”, asegurou.

“Nos próximos dez anos crearanse 650.000 novos postos, e o 50 % dos empregados necesitarán novas capacidades por mor do avance tecnolóxico”, subliñou.

E indicou que desde o CPEIG son conscientes da demanda crecente dun compromiso ético no avance tecnolóxico e da necesidade dun marco común, polo que o pasado ano o Consejo de Colegios de Ingeniería Informática creou o selo de empresa éTICa ao que o colexio profesional galego se adheriu. “Temos nas nosas mans a posibilidade de modelar o futuro que queremos, unha sociedade dixital humanista baseada nunha ética e uns valores, que sitúe ao ser humano no centro de todas as cousas”.


GALARDÓNS DESTA EDICIÓN. Os premiados deste ano na Noite da Enxeñaría en Informática de Galiciaforon: o director do Barcelona Supercomputing Center (entro Nacional de Supercomputación), Mateo Valero; a enxeñeira en informática Ana Freire; o enxeñeiro en informática Carlos Eloy López Blanco; a enxeñeira Elisa Fernández; o proxecto Tallk de Samsung Electronics Iberia; o proxecto Quantum Computing do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); Red Mundo Atlántico; a empresa Councilbox; o proxecto Talentos Inclusivos do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña; as empresas Balidea, Emetel, Inycom e Minsait; e o diario dixital galego Código Cero.

30 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito