Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Takekazu Asaka presenta tres obras clásicas da nosa literatura en nipón-galego

Trátase de ‘A rosa de cen follas’ e ‘As Romaxes da Franqueira’, de Cabanillas, e a introdución ás ‘Cantigas de Santa María’, de Afonso X

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e Takekazu Asaka, traductor do galego ao xaponés e embaixador da nosa lingua en Xapón, presentaron este venres tres das súas obras bilingües en xaponés-galego: a segunda edición de A rosa de cen follas. Brevario dun amor, en libro e en versión CD musical, e As Romaxes da Franqueira, ambas de Ramón Cabanillas, e unha Introdución ás Cantigas de Santa María, de Afonso X O Sabio.

Na súa intervención Valentín García manifestou a súa satisfacción por “esta gran proxección literaria da lingua e a cultura galegas tan lonxe das nosas fronteiras”, e amosou o seu agradecemento a Takekazu Asaka “por facer apreciar e por en valor o galego ao redor do mundo”.

Nesta presentación, celebrada no Pazo de San Roque, acompañáronos o crítico literario Armando Requeixo, quen conduciu o acto; Francisco Fernández, profesor e académico da lingua galega, e Ramón Lorenzo, profesor e investigador do Instituto da Lingua Galega (ILG).

Takekazu (alcumado Takiño en Galicia) trae así varias das súas novas creacións que, xunto ao patrocinio da Xunta de Galicia, elaborou antes e durante o confinamento para unir e achegar a cultura galega á xaponesa.

A segunda edición da tradución de A rosa de cen follas, a primeira en versión xaponesa e que conta cun limiar de Francisco Fernández Rei, foi toda unha tarefa para el debido “á lingua de Cabanillas de principios do século XX e os seus dialectalismos cambadeses, con complexas metáforas e polimorfismo”, explicou Asaka. Esta trátase dunha edición aumentada, na que engade o seu descubrimento da rima derradeira.

O CD musical en homenaxe a esta obra conta con catro cancións de Ramón Cabanillas: Era un piniño o novo, Aureana do Sil, O Rei tiña unha filla, Corazón-Volvoreta e unha de Rosalía de Castro, Mayo Longo de Follas Novas. Todas elas interpretadas pola soprano Miho Haga e a pinaista Rika Nishikawa.

Para a redacción de As Romaxes da Franqueira, partiu da edición de 1927 para engadirlle un vocabulario galego-xaponés co léxico dos poemas de 300 entradas. Conta co prólogo, tamén, de Francisco Fernández Rei.

Introdución ás Cantigas de Santa María é unha escolma de sete representativas composicións deste cancioneiro mariano, sendo a primeira monografía que recolle cantigas marianas e as traslada ao xaponés. No limiar, Ramón Lorenzo contextualiza a obra.

Takekazu Asaka é un lingüista nado en Toquio (Xapón, 1952) e desde 1988 exerce como docente de Filoloxía Románica na Universidade Tsudajuku de Toquio.

En 1978 descobre a existencia da lingua galega a través das páxinas do seminario A Nosa Terra. A relación epistolar con figuras da cultura galega como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, xunto co coñecemento desta literatura, axudárono a indagar na personalidade sociocultural de Galicia. En 1985 dotorouse cunha tese de lingüística comparada onde o galego moderno foi un dos idiomas investigados.

Como ensaísta e investigador, conta cunha dilatada traxectoria galicianista que o levou a escribir volumes referenciais para a aprendizaxe do galego en Xapón.

Especial relevancia ten o seu labor como tradutor de figuras singulares galegas ao xaponés como Rosalía, Ramón Cabanillas o Novoneyra.

06 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito