Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Talentos Inclusivos’, da UDC, premio pola innovación no ensino

O Citic é recoñecido polo Cpeig por unha tecnoloxía que axuda na diversidade funcional

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (Cpeig) outorga o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino da XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia ao Centro de Investigación TIC (Citic) da Universidade da Coruña (UDC) polo seu proxecto Talentos Inclusivos. Ë un proxecto destinado a fomentar as vocacións TIC entre a mocidade, á vez que da visibilidade ás persoas con diversidade funcional e contribúe a facilitar o seu día a día mediante solucións tecnolóxicas innovadoras.

A súa gala celebrarase o vindeiro 29 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago, cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios anuais desa Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.

Co Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino, a organización colexial pretende amosar a capacidade da enxeñaría en informática para mellorar a calidade de vida en distintos ámbitos e colectivos sociais, implicando á poboación más nova en iniciativas como a galardoada na presente edición.

a INICIATIVA GAÑADORA. Talentos Inclusivos é un proxecto colaborativo posto en marcha polo Citic xunto con Aspace Coruña, co apoio do Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

O obxectivo do proxecto é dobre: fomentar as vocacións TIC entre estudantes de secundaria e bacharelato e, á súa vez, dar visibilidade á diversidade funcional, facilitando ademais o día a día das persoas con parálise funcional. Para iso, creáronse grupos de traballo colaborativos formados por usuarios e usuarias de Aspace Coruña e estudantes de secundaria e bacharelato de diferentes centros educativos da provincia de Coruña, apoiados polo seu profesorado da materia de tecnoloxía e por persoal investigador do Citic.

Así, os usuarios e usuarias de Aspace Coruña propuxeron diferentes retos tecnolóxicos que foron resoltos polo alumnado dos centros educativos. Durante todo o curso académico, máis dun centenar de estudantes implicáronse na iniciativa para dar solución a problemas cos que adoitan atopan as persoas con parálise cerebral.

Algúns dos desenvolvementos tecnolóxicos foron un robot e un dron controlados coa man ou a cabeza, un sistema anticolisión para cadeiras de rodas, xoguetes infantís adaptados e produtos de apoio con impresión 3D.

O investigador principal do proxecto e subdirector do Cicit, Javier Pereira, afirma que “o proxecto Talentos Inclusivos proporciona coñecemento científico en beneficio da sociedade, que é un dos obxectivos co que o Citic foi creado”. Tamén destacou a “gran implicación dos estudantes no proxecto”, así como “a súa capacidade de empatizar coas persoas con parálise cerebral para tentar axudar e propoñer solucións”.

Ante o éxito da primeira edición, o proxecto Talentos Inclusivos terá unha nova convocatoria no recentemente iniciado curso académico.

O Citic é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC.

Impulsado pola Universidade da Coruña, no 2016 a Xunta recoñece ao Citic como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. En 2019 renova esta acreditación e pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia. A actividade científica do Citic estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñería de Datos, Computación de Altas Prestacións, e Servizos e Redes Intelixentes, ademais dunha área de investigación de camiño transversal.

22 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
TIC
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.