Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Tempo de aquí

    CoñecÍN HAI anos en Tomiño a Avelino Pousa Antelo, todo un exemplo de galeguismo e militancia. Se mal non recordo, con Valentín Arias, que fora alumno seu, fundaran con outros o Partido Popular Galego, que andando o tempo integrouse no BNG. El dera unha conferencia aló en Tomiño a propósito de Castelao, onde un di que o coñeceu. Haberá algunha xente que crea que o PPG, ten ou tería algo que ver con AP ou co PP actual, nada máis lonxe disto.

    Valentín Arias era pai da miña entrañable e inesquecible amiga Xela Arias, que cedo nos deixou orfos da súa palabra e polo tanto da súa poesía, a quen eu creo que algún día a RAG debería de adicarlle o Día das Letras Galegas, e a tantas outras mulleres que hai ben de anos que non están entre nós. Cando faleceu Valentín Arias vin a Avelino Pousa Antelo desolado no cemiterio de Pereiró, Vigo, saloucando, e recordo que me dixo así, “ai Villaverde, foi o meu mellor alumno, tíñalle moito agarimo, non había outro coma el!”.

    Pobriño!, deille unha aperta e collín rumbo á necrópole de San Miguel de Bouzas, alí ía deixar unhas flores procuradas no camiño para recordo dunha amiga.

    Quérolles contar a memoria que gardo daquel Eduardo Blanco Amor que, unha atardecida de outono batín con el na rúa Velázquez Moreno, en Vigo, xa próximos ao Círculo Mercantil, onde ía dar unha conferencia sobre Cuando Castelao llegó a Argentina, así estaba anunciado o discurso na imprensa local. Fun ata alí con el e sentei nunha daquelas cadeiras de tixeira; a carón de min sentaron Valentín Arias e outros entón mozos que eu non coñecía. Solemne, Eduardo despoxouse do reloxo de pulseira, e pousouno a súa beira para controlar o tempo; comezou a falar Eduardo Blanco Amor así:

    “Cuando Castelao llegó a Argentina...”. Nese intre do empezo ergueuse Valentín e os que o acompañaban... “Ímonos rapaces, que aquí non se fala en galego!”. Ergueron e pecharon ruidosamente as cadeiras, dispostos a se ir... rapaces, berrou Eduardo, “rapaces vinde para aquí que imos falar en galego!”. E así estivo arredor de dúas horas falando en galego...unha marabilla!. “Cando Castelao chegou a Arxentina...!”. Nunca tanto ouvín aplaudir. Aínda, se mal non recordo, Eduardo Blanco Amor, non publicara A Esmorga, creo que só saíran do prelo algúns poemarios, e en galego viña de publicar, se non me trabuco, Xente ao lonxe.

    Naquela conferencia que dixen, contounos detalles polo miúdo a súa relación co irmán Daniel, tal que adoitamos dicir con emoción e gratitude. El morrera en Bos Aires, e foi soterrado na Chacarita, e cabo duns cantos anos trouxérono para o panteón de “Galegos Ilustres”, en Santiago de Compostela. A Eduardo chamáballe Branquiño, tal como nolo contou o propio Blanco Amor na celebrada conferencia que lles dixen.

    En Ribadavia, e no “Papuxas”, foi rodada ou filmada parte da película A Esmorga, pois o “Papuxas” era unha taberna con parte do ambiente que se desenrola na novela, que foi traducida ao castelán co axeitado título de La parranda, que en galego é tal cual a escribíu o celebrado autor ourensán, que residíu moitos anos en Vigo, no “Gran Hotel”, e despois no “Hotel Nilo” ata o seu falecemento e recibíu sepultura en Ourense. Convén recordar que Eduardo tiña tertulia de café, nos primeiros andares, na Cafetaría Alameda, e a ela asistían entre outros, Pedro Díaz Álvarez e Valentín Paz Andrade. Hai unha biografía moi boa: Eduardo Blanco Amor: diante dun xuíz ausente, publicada por Gonzalo Allegue na Editorial Nigra, cuxa lectura recomendamos a vostedes que len estas liñas voandeiras deste “tempo de aquí”.

    30 ago 2020 / 00:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.