Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Touriñán, estrela da nova aposta polo humor na TVG, ‘Catro gatos’

É un dos actores con David Perdomo, Fátima Pego e máis Noemí Rodríguez // Jairo Iglesias é codirector desta idea

Catro coñecidos artistas e un encontro semanal nun bar, para rir e pasalo ben, son os principais ingredientes do novo espazo Catro gatos, que se estrea este domingo na Televisión de Galicia (TVG).

Esta nova aposta polo humor da TVG buscará que a audiencia escache coa risa coa comicidade e a espontaneidade de catro profesionais galegos do enxeño, a improvisación e a chispa, como son Xosé A. Touriñán, David Perdomo, Fátima Pego e Noemí Rodríguez.

O mesmo Touriñán é o responsable da dirección a medias con Jairo Iglesias, cineasta compostelán con premios e experiencia en varias áreas do eido audiovisual que xa traballou hai un ano en Origen, formato de TVE.

Neste divertido formato da TVG, que mestura o faladoiro cómico cos sketchs humorísticos, estes amigos reuniranse nun bar para falar nun ton bromista sobre distintos aspectos das súas vidas, de anécdotas persoais e das súas inquedanzas. Cada un deles lembrará un acontecemento que dará paso aos sketchs cómicos, onde cada un dos actores interpretará diferentes personaxes.

Catro gatos chegará á canle pública galega os domingos, arredor das 20.20 horas, na franxa do ‘access prime time’, inmediatamente antes da emisión do Telexornal Serán. Producido por Tex45 Producións para a televisión pública galega, coa colaboración de Undodez, este novo espazo de humor consta de 13 episodios, de 25 minutos de duración cada un.

Xosé A. Touriñán, un dos cómicos máis recoñecidos do país, é actor, produtor e guionista, que comezou a súa carreira na TVG coas Cantareiras de Ardebullo, en dúo con Marcos Pereiro. Padre Casares, Air Galicia, Tourilandia, Land Rober Tunai Show e Era visto! son algunhas das súas aparicións máis aplaudidas.

Nos últimos anos participou en series como El desorden que dejas, Justo antes de Cristo, Antes de perder ou Fariña e no teatro en Unha noite na praia, Somos criminais e a adaptación de Fariña.

Pola súa parte, Fátima Pego é cantante, actriz e reporteira, así como unha das artistas máis recoñecidas da verbena galega, onde saltou á fama como cantante da orquestra París de Noia. Na actualidade está centrada na súa faceta como actriz e reporteira, formando parte do equipo de programas da Televisión de Galicia como Sabadeando ou ‘Quen anda aí? Noemi Rodríguez formouse na ESAD de Galicia e logo realizou un máster en Artes Escénicas na Universidade de Vigo e un curso de posgrao na London International School of Performing Arts. Actriz, directora e pedagoga, traballou para o Centro Dramático Nacional, o CDG ou a English National Opera, entre outras. No ámbito audiovisual é coñecida polas súas participacións en A esmoga (Ignacio Vilar, 2014) e Land Rober .

E David Perdomo é músico, guionista, actor e un dos humoristas máis orixinais e arriscados de Galicia. Formado como actor en Casa Hamlet, na compañía Estragón e no festival internacional de Avignon, David acadou certa fama cos seus personaxes creados para internet en S Koruño. Na televisión participou no Land Rober da mesma TVG, entre outros.

Catro gatos conta con guións de José L. Prieto, Manuel Cortés e Touriñán.

23 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.