Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Tres millóns de euros en axudas para a tradución de 1.200 traballos editoriais

A liña de subvencións impulsada polo Goberno autonómico hai quince anos permitiu beneficiarse a un total de 120 empresas

No Día Internacional da Tradución e a través da participación en diferentes iniciativas como simposios, obradoiros e entregas de premios, a Xunta conmemorou a efémeride co acto central na actividade Contigo na distancia, promovida pola Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI) en colaboración co Goberno autonómico, no que participou o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Recordou a aposta da Xunta co sector da tradución, para o que destinou preto de tres millóns de euros desde a súa posta en marcha para este eido de xeito específico, hai quince anos. Así, neste tempo, beneficiáronse 120 empresas editoriais, tanto galegas como de fóra, que editaron 1.196 proxectos.

Apuntou a importancia desta liña de apoio tanto para a internacionalización da literatura galega, ao promover a súa tradución a outros idiomas, como para incentivar a lectura e edición en galego de obras procedentes doutras linguas. “Contribuímos a que a nosa literatura teña tamén unha saída cara ao exterior, o que implica unha maior visibilidade do libro galego e a apertura de novos públicos e mercados”, indicou.

A Xunta facilitou 350 traducións de obras publicadas en galego a outras linguas, como o inglés, portugués, francés, italiano, alemán ou finés. Tamén se promoveu a tradución ao galego de máis de 800 obras orixinariamente publicadas noutras linguas, algo que, como engadiu, “tamén favorece que a cidadanía teña acceso ás obras da literatura universal en galego”.

Afondou na importancia deste apoio desde o punto de vista empresarial, xa que estas axudas están a contribuír a que as editoras poidan cubrir unha parte importante dos gastos derivados da tradución e da edición.

A Xunta participou en actos como a apertura do XVIII Simposio O Libro e a Lectura, organizado polo Consello da Cultura Galega. Baixo o título Libros pola diversidade, afondouse na edición de contidos para a inclusión.

O simposio contou coa presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia (Arelas), Cristina Palacios, responsable da charla de apertura. O panel de experiencias, Contidos diversos, correu a cargo de representantes da Asociación BATA e de Kalandraka Editora, de docentes e dunha pedagoga.

Tamén participaron representantes da Consellería de Cultura, de Hércules de Ediciones e de Galaxia; mentres que a de clausura estivo a cargo do filósofo, docente e escritor, José Miguel Valle.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou en Cambados na entrega do Premio Plácido Castro de Tradución a Laureano Araujo pola súa tradución de Schlumpf, Erwin: Homicidio, obra do escritor suízo Friedrich Glauser.

Encontro de expertos sobre literatura infantil e xuvenil no pazo de San Roque

Santiago. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou este xoves o seminario internacional A morte e as súas representacións na LIX ibérica e iberoamericana, encontro de reflexión e análise coordinado polo proxecto Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dirixido pola investigadora Marta Neira e no que participan a Rede Temática de Investigación Las literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano (Lijmi) e o grupo de investigación Liter21, coordinado por Carmen Franco.

García quixo darlles a benvida un ano máis a Compostela aos participantes e agradecerlles “ter a capital galega como punto de referencia da literatura infantil e xuvenil”.

Baixo a coordinación de Blanca-Ana Roig Rechou, profesora ad honorem da USC e investigadora do Ramón Piñeiro, reuníronse en San Roque membros da rede pertencentes aos ámbitos castelán, catalán, galego, portugués e vasco, e do brasileiro. ecg

30 sep 2021 / 18:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.