Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Tributo a Domingo de Andrade, o máis grande arquitecto do barroco galego

Foi dominador do oficio de construír con importantes achegas por toda a xeografía galega// Quintana Martelo e García Braña gabaron a súa figura

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou onte o acto oficial do Día das Artes Galegas, efeméride dedicada en 2020 e 2021 ao arquitecto Domingo Antonio de Andrade (Cee, 1639–Santiago de Compostela, 1712).

No evento celebrado onte na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago, o presidente da academia, Manuel Quintana Martelo, agradeceu a todos os presentes a súa participación neste evento subscrito ao programa que dedica ao Día das Artes Galegas, que en 2019 propuxo a Domingo de Andrade como persoeiro destacado, pero pola chegada da covid a Academia atrasou e despois prorrogou a efeméride a 2021, aproveitando tamén esta extensión coa celebración do Ano Xacobeo para que “a súa figura fose debidamente enxalzada, coñecida e celebrada”.

Quintana Martelo explicou que o arquitecto pasou de traballar con gran éxito profesional en toda Galicia durante o século XVII e a primeira década do XVIII, e deixar sinalados discípulos como Fernando de Casas e Novoa e Simón Rodríguez, a entrar no máis absoluto dos esquecementos ata que Manuel Murguía volvera recoñecer o seu valor a finais do século XIX, e máis adiante outros escritores axudaron a lembrar lentamente a súa valiosa aportación á historia da arte e da arquitectura de Galicia.

“Hoxe pode ser considerado como o máis importante arquitecto desa corrente de expresión que se coñece como o barroco galego e, de aquí e dada a importancia deste estilo na nosa terra, o máis significado dos arquitectos galegos. O barroco posibilitou que o seu talento artístico, como entallador e arquitecto, brillara plenamente. Poderíase dicir que durante a súa vida nada do arquitectónico tivo lugar en Galicia sen que, como consultor ou protagonista directo, estivera presente a figura de Andrade”, sentenciou.

Comezando o seu exitoso quefacer artístico a unha idade temperá, o presidente da RAGBA narrou aos presentes a obra arquitectónica eclesiástica e civil de Andrade, desde a súa primeira obra significativa que foi o Tabernáculo da Catedral de Santiago, pasando polos retablos de San Domingo de Bonaval, intervencións nas catedrais de Lugo, Ourense e Tui, a igrexa de Sobrado dos Monxes ou dos Xesuítas na Coruña, ata a súa principal obra, a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago. Ademais do traballo técnico, Andrade escribiu o libro Excelencias, Antigüedad, y Nobleza de la Arquitectura, único tratado publicado en Galicia sobre arquitectura, no que segundo apuntou Quintana, móstrase orgulloso do seu oficio.

Saber construtivo. O académico numerario da sección de Arquitectura e vicepresidente da RAGBA, o arquitecto Celestino García Braña, pronunciou o discurso Xeometría e cidade na Compostela de Domingo de Andrade. Neste texto, rende tributo á figura de Andrade que encarna a invención e consolidación do barroco galego, “coa capacidade de levantar importantes edificios por toda a xeografía galega, desde Lugo a Tui, desde Ourense a Coruña e que contribuíron a cristalizar un modo de construír, como expresión xenuína dun tempo do galaico e inicio da formulación unitaria da cidade de Santiago, superando, coas novas ideas que aportou, as visións parceladas e herdadas do mundo medieval” .

O evento contou coa asistencia do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a subdelegada do Goberno na Coruña; María Rivas López; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, e o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou.

A Xunta se implicará de cheo na conmemoración do Ano Laxeiro

Santiago. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou durante a celebración do Día das Artes de Galicia á oportunidade que está a supoñer esta dupla homenaxe para divulgar a figura dun arquitecto que realizou “unha maxistral transformación” en Santiago, pero tamén en Lugo, Tui e A Coruña ou espazos fundamentais para o Camiño de Santiago.

Rodríguez referiuse, ademais, ao vindeiro creador galego co que se festexará esta efeméride, Laxeiro, que protagonizará os actos do Día das Artes Galegas de 2022. Como dixo, entre Domingo de Andrade e Laxeiro “parece non existir demasiadas similitudes no que á súa produción se refire, pero hai unha característica que os fai equiparables: ambos conseguiron renovar o imaxinario artístico do seu tempo”. Tamén salientou a capacidade de ambos para “contribuír a dotar a Galicia dun lugar destacado na xeografía creativa tanto nacional como continental”.

O titular de Cultura referiuse a Laxeiro como un “autor moderno fundamental” cuxa elección para festexar en 2022 este día “expresa fantasticamente a idea que manifestan todas as nosas artes creativas: a da innovación e o inconformismo”. redacción

17 nov 2021 / 22:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.