Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

a tempada alta no Parque Nacional das Illas Atlánticas

Se as directrices do Goberno central o permiten poderase acceder a este espazo natural ata o vindeiro 15 de outubro

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantiveron onte unha xuntanza con representantes das navieiras encargadas do transporte regular de visitantes ás illas na que se propuxo a posibilidade de prolongar a tempada alta no conxunto do Parque Nacional das Illas Atlánticas até o 15 de outubro, se as directrices do Goberno central así o permiten.

Na reunión, desenvolta a petición das propias navieiras nun clima positivo e construtivo, trasladóuselles o compromiso da Xunta co sector para articular as medidas precisas que sexan viables e axuden a paliar a situación crítica que o sector vén padecendo; harmonizando a actividade turística coa salvagarda dos valores naturais do Parque.

A tempada de acceso ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas ven regulamentada no Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) deste espazo protexido, no que se establece que a tempada alta coincide co período transcorrido dende o 15 de maio até o 15 de setembro, ambos incluídos, así como a Semana Santa.

Neste caso, a proposta consiste en estender un mes respecto ao período fixado. O que permitiría unha recuperación parcial de ingresos e actividade para estas empresas do sector turístico, coadxuvando a todo o sector que opera nestas áreas da franxa costeira galega. O tema porase en comunicación do Goberno Central aos efectos de que, se o estima, se pronuncie de xeito favorable ou desfavorable, dado que se trata dun espazo natural que goza da categoría de Parque Nacional.

De contar con informe positivo, a posibilidade articularíase a través dun acordo no seo do Centro de Coordinación Operativa (CECOP), de modo que, ante as circunstancias excepcionais motivadas pola crise sanitaria e que teñen impedido o normal desenvolvemento da tempada alta de acceso de visitantes ao Parque Nacional, e non habendo afección para a protección dos valores naturais, se amplíe a tempada alta un mes sobre o período xa establecido.

En calquera caso, a ampliación virá determinada polo proceso de desescalada que fixe o Goberno do Estado, que irá establecendo de xeito progresivo os sectores que poden ir recuperando a súa actividade.

Na xuntanza, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, avanzou que están en marcha as xestións para realizar un pantalán na illa de San Simón, co que se busca reforzar a seguridade nas manobras de atraque dos barcos e a accesibilidade dos visitantes a este ben de interese cultural.

28 abr 2020 / 10:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito