Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

TVG organiza unha gran noite especial cos fogos do Apóstolo

Conducida desde a praza do Obradoiro por Alba Mancebo, Noelia Rey e Arturo Fernández, a gran festa contará con moita música

A Televisión de Galicia convida esta noite os seus espectadores a unha gran festa no Obradoiro con motivo dos Fogos do Apóstolo, un grande espectáculo pirotécnico cuxa maxia chegará un ano máis a todos os galegos e galegas a través da pantalla da TVG.

Alba Mancebo, Noelia Rey e Arturo Fernández conducirán un programa especial que contará coa participación do público e con moita música e baile. Ademais, colocarase unha gran pantalla desde a que todos os asistentes poderán seguir o programa e tamén os fogos, que manterán o formato dos últimos anos, con lanzamentos desde cinco puntos distintos da cidade de Santiago: a Alameda, o parque Eugenio Granell, a Cidade da Cultura, As Cancelas e o parque de Carlomagno. Polas rúas de Compostela e nos distintos lugares de tirada estarán as reporteiras Xulia Lomba e Amanda Fernández.

Durante o programa, os espectadores vivirán toda a emoción da conta atrás para un espectáculo que leva celebrándose máis de 500 anos e coñecerán as características que fan únicos estes fogos, baseados non só na pirotecnia, senón tamén no videomapping e nas proxeccións.

Na praza do Obradoiro, a música correrá a cargo do histórico grupo Treixadura, pero esta noite vai nacer unha nova formación: A Banda dos Fogos, un fanfarra que porá a bailar o público e a xente na casa. Con esta banda, cantarán tamén presentadores e actores da TVG, como Adrián Castiñeiras, Mayka Braña, Manuel San Martín, Marcial Mouzo, Arturo Fernández, Noelia Rey e Laura Añón, entre outros.

Os espectadores bailarán e divertiranse, pero tamén aprenderán moitas cousas. O ‘eu medieval’ de Amanda Fernández amosará como eran antes as rúas e a vida en Santiago e todo coa inestimable axuda de Fernando Madriñán, experto na historia de Compostela, que tamén estará no Obradoiro.

Ademais, o programa entrará nunha cea de luxo, a que se celebra cada 24 de xullo no Hostal dos Reis Católicos, ceará cunha familia na praza á espera do grande espectáculo e entrará na casa duns veciños de Santiago que teñen o privilexio de ver os fogos en primeira liña desde a súa fiestra.

Por outro lado, durante a festa desta noite, catro persoas de moda neste 2022 vivirán experiencias únicas que as farán saír da súa zona de confort. Así, as estrelas do fútbol sala feminino galego percorrerán de noite a catedral de Santiago, a candidata a Miss Vaca do ano que vén vai facer o Camiño, o actor Tamar Novas coñecerá a Compostela subterránea e un influencer vai percorrer o último tramo do Iacobus Maris, que volverá traer a Vigo os restos do Apóstolo.

Finalmente, o especial dos Fogos do Apóstolo traerá unha última gran novidade: a estrea, como cabeceira do programa, do vídeo da canción do verán da CRTVG, Corazón de toxo, de Rotce, Adri Coyote e La Quinkillada, gravado na illa de San Simón.

A canle pública galega retransmite hoxe en directo, desde a Cidade da Cultura, o acto solemne da entrega das Medallas de Galicia, máxima distinción de honra que concede a Xunta de Galicia a persoas ou institucións que polos seus méritos ao servizo de Galicia en calquera aspecto da súa realidade social, cultural ou económica, sexan dignas de obter o recoñecemento do pobo galego. O acto será conducido pola xornalista da TVG Raquel Domínguez e emitirase con intérprete de lingua de signos.

24 jul 2022 / 02:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.