Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

TVG: penúltimo capítulo da serie ‘A desorde que deixas’

Os espectadores verán este noite como Raquel busca consolo en quen menos contaba atopalo // Rodrigo Ramos, no ‘ZigZag’

Os espectadores da Televisión de Galicia poderán ver este luns o penúltimo capítulo da miniserie A desorde que deixas, en que estará cada vez máis preto a resolución do misterio que planea sobre o instituto de Novariz, onde Raquel, a nova profesora, se obsesiona coa sospeitosa morte da súa predecesora e comeza a temer pola súa vida.

No episodio de hoxe, titulado A terceira vítima, Roi decide investigar pola súa conta, mentres que Raquel busca consolo en quen menos contaba atopalo. Ademais, nun flashback, verase como Iago segue intentando chamar a atención de Viruca.

‘A REVISTA’. A chegada dunha fronte polar a Galicia, en combinación co ascenso do anticiclón das Azores, anticipa previsión de frío e neve en Galicia. O meteorólogo Carlos Otero comentará para ‘A Revista’ o tempo que se agarda na semana que entra. Doutra banda, o magazine recibe a poetisa boirense Anxos Castro Parada. Tras unha vida plasmando os seus sentimentos en papel, comezou a publicar poemas en Facebook. O seu círculo de amigos animouna a dar un paso máis e hoxe presenta no programa da TVG o seu primeiro libro, Diversidad Literaria, unha recompilación dos versos que compón desde nena.

Tamén estará no programa que conduce Loly Gómez parte do equipo de Veciñ@s, a última estrea da Televisión de Galicia. O novo programa do prime time dos domingos amosaralles aos espectadores da canle pública aspectos da convivencia en barrios e comunidades de veciños emblemáticas, como os da súa primeira entrega, o da Catorce, no Grove, e o da Piringalla, en Lugo.

Ademais, A Revista contará hoxe con dúas colaboradoras habituais, a bióloga Xiana Albor e a presentadora de Polo Rego Mercedes Nodar. A primeira, acompañada do biólogo Bruno Díaz, director do Instituto para o Estudo dos Golfitos Mulares, falará destes peculiares mamíferos; a segunda, daralles aos espectadores consellos para o coidado das hortas.

‘ZIGZAG’. O programa cultural ZigZag volve á G2 logo do receso de Nadal e faino cunha novidade: a partir de agora pasa a emitirse en horario de máxima audiencia, de luns a venres ás 21.30 h. Hoxe recibe no estudio o cantautor Rodrigo Ramos, que presenta o seu último traballo discográfico, o terceiro da súa carreira musical. Xestouse durante o confinamento pola pandemia de covid-19 e componse de dez temas, catro en galego, en que combina rock and roll, folk e pop. Os primeiros adiantos foron os temas Decir adiós e Claustrofobia. Ademais, inclúe unha colaboración coa cantante Lucía Pérez.

Continuando co eido musical, a xornalista Marta Gómez comentará o último de Lontreira, formación musical composta por Adri Coyote e Héctor Rodríguez. O seu disco Apnea foi o primeiro lanzamento discográfico en galego de 2023. Recolle nove cancións con evocacións musicais diversas. A experta musical do programa tamén falará dunha das principais bandas ucraínas, DakhaBrakha, que actuará na Coruña o próximo 20 de xaneiro. A formación musical só dará tres concertos en España este ano, entre eles, o da cidade herculina. Por último, comentará o último traballo de Projecto Mourente, que regresa en Musica de agora cun tema de pop electrónico.

Ademais, o ZigZag ocuparase da carteleira dos cineclubs galegos e contará cunha reportaxe sobre o filme As Neves, da directora Sonia Pérez. Un equipo do programa asistiu á rodaxe na Fonsagrada desta longametraxe, que conta coa participación da CRTVG.

16 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.