Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Un breve catálogo sobre queixos que se presentan de modo moi diverso e variado

O meu avó e o queixo (Alvarellos, 2020), escrito por María Reimóndez (Lugo, 1975) e ilustrado pola artista plástica Vanessa Álvarez (Vigo, 1983), dirixido á infancia desde a colección Verdemar, configúrase como un breve catálogo de queixos, presentados de modo diverso: rexionais, nacionais e internacionais.

A intención divulgativa da autora despraza sen contemplacións calquera pretexto narrativo, e o título, para ser fiel ao contido, ben podería ter invertido os termos. En todo caso, as informacións son claras, accesibles, oportunas e sucintas, sen abafar a un lector que á súa idade só está familiarizado con tan suculento tema no relativo a sobremesas e merendas.

Dada a inmensa variedade que abrangue dita categoría culinaria, cada tipo de queixo (Manchego, Arzúa, Cebreiro, Gruyère...) permite apuntar un detalle significativo ou, polo menos, curioso que estimule o interese infantil, a veces expresado en pareados con rima. Ao final, o neno pode pechar o libro coa sensación de ter ampliado, senón saciado, a súa incipiente cultura gastronómica. De feito, sería moi interesante proseguir en dita liña mediante unha colección enteira dedicada aos principais alimentos, empezando naturalmente polo pan –do cal a cociña galega xa ofrece algunhas modalidades destacadas–, que adoptase a mesma intención didáctica para futuros gourmets.

En canto ás ilustracións, sorprenden gratamente pola súa orixinalidade, apartándose da tónica habitual do xénero. Os fondos, con aspecto de colaxe, baséanse na repetición de motivos, incluso con tramas xeométricas e efectos ópticos, logrando un nivel de abstracción que contrasta coas figuras, tan claramente secundarias na imaxe como no propio texto, cuxo tratamento se limita a dous tons contrastados e as reduce a unha planicie estrita, só un estadio por riba das sinxelas siluetas.

Porén, os matices cromáticos dos fondos correspondentes están graduados con extrema sutileza, esixindo unha percepción afinada, fronte á estridencia e o abigarramento que recarga tantos libros infantís, e que evoca en igual sentido a variedade do propio tema (de feito, un dos pouquísimos alimentos de cor azul son os queixos dese nome, elixidos con acerto pola autora para sorpresa do neno).

É de salientar, o cambio de cor da tipografía, segundo marque a dos fondos, recurso mediante o que se harmoniza o texto coa imaxe do modo máis sinxelo posible, sen por iso ceder en eficacia nin caer na confusión.

30 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito