Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Un centro de Santiago gaña o concurso ‘O Vello dos Contos’

Éxito do podcast do CEIP Raíña Fabiola neste certame escolar organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro e Arraianos

Logo da xuntanza de forma virtual o xurado do II Certame Escolar de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez, xa temos listaxe de gañadores. Sinécdoque, un podcast do CEIP Raíña Fabiola de Santiago , leva o primeiro premio deste concurso na categoría de Primaria.

Organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro (de Santiago) e Arraianos Producións, este proxecto cultural conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o apoio do colectivo Ponte nas Ondas, o Museo do Pobo Galego, a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo, a Fundación Rosalía de Castro, Oral de Galicia, a Radio Galega, a Real Academia Galega e máis o Parlamento de Galicia.

Logo de valorar os traballos finalistas, o xurado acordou por unanimidade conceder o resto das seguintes distincións, consonte as bases do concurso: premio especial 25 Aniversario de Ponte nas Ondas para Ánimo, xente, un podcast do CEIP Canosa-Rus, de Coristanco; e accésit para Na verea da igualdade, un traballo do CEIP Baamonde, de Begonte. E xa na categoría de Secundaria, o primeiro galardón é para O vello dos contos, un podcast do IES de Foz; e o especial para Morriña, unha proposta do IES Manuel García Barros, da Estrada.

Aser Álvarez González, un dos promotores desta idea e membro de Arraianos Produción, e daba conta dos gañadores cunha mensaxe de optimismo en Facebook: “Queremos celebrar o (recente) Día Mundial do Profesor e da Profesora agradecéndolle o seu traballo, paciencia e dedicación a eses profesores e profesoras, mestres e mestras vocacionais coas que temos, tivemos ou teremos a sorte de cruzarnos na nosa vida e que tanto nos axudaron a descubrir o amor polas cousas, a ser curiosos, rebeldes e a saber procurar o noso camiño na vida... Un camiño que agora, xa pasado o tempo, pasa tamén por colaborar en proxectos educativos tan fermosos coma este certame internacional de podcast escolar en galego”.

E lembra Aser Álvarez González que nesta proposta queren “lembrar a primeira estrela radiofónica de Galicia, Xosé Mosquera Pérez, tamén chamado... Ovello dos contos”.

Desde a páxina web www.Arraianos.com pódese facer a escoita destes traballos escolares con audio.

01 ene 2020 / 00:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.