Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 20 julio 2024
09:49
h

Un país sen furados onde conseguir a igualdade é o único camiño

A creación de contos é un procedemento moi empregado á hora de confeccionar álbums con suxestivas narrativas visuais, dirixidos á infancia, que adoitan ter un pouso educativo imprescindible e, por este motivo, gozan de boa recepción entre mediadores e lectores. Na súa aposta polo álbum literario, Baía Edicións publicou O país do gran furado (2019), obra gañadora do II Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade, un relato poético con ilustracións, apropiado para nenos e nenas que comecen a ler e sen límite de idade.

Trátase dunha contribución de Xerardo Quintiá (Friol, 1970) á problemática que supón a desigualdade entre homes e mulleres. O autor, responsable doutras obras dirixidas á infancia e á mocidade coma A verdadeira historia do burro Feldespato (Galaxia, 2003), Ke-Tumba Ke-Tamba (Galaxia, 2006) ou Titiritesa (OQO, 2007) ofrécenos un conto herdeiro da clásica novela curta Le Petit Prince, de Antoine de Saint-Exupéry. A través do humor exacerbado e sen caer no melodrama, Quintiá pon de manifesto a falta de liberdade e a ansia revolucionaria das mulleres nun mundo gobernado por homes. Fiel á liña argumental, a ilustradora Noemí López é a encargada de actualizar o relato a través dunha proposta plástica que recrea, dun xeito atractivo e coidado, o imaxinario dos máis pequenos.

A historia desenvólvese nun pequeno planeta que conta cun gran furado, onde van parar as mulleres ou os seus seres queridos só por se atrever a ser felices. Esa é a orde do protagonista da historia, o gobernante do país, o feo e ruín presidente MAXI-miliano, que ampara o seu poder nunha corte de ministros. Mentres os homes do seu mundo consagran a súa vida ao ocio, as mulleres sustentan ese lecer a forza de traballo. Mais, dun momento a outro, a poesía e a revolución chegan da man de Toribia, a afouta integrante dun grupo de música punk que, coa axuda das súas compañeiras, consegue enfrontarse co tirano e os seus ministros co propósito de poñerlle fin á inxustiza.

A través dunha poesía sinxela, sustentada na rima e na repetición de sons, e do encarecemento estereotipado das diferenzas entre homes e mulleres, o conto evoca a impresión de universalidade. Neste proceso, xogan un papel fundamental as estampas de finos trazos e ricas sombras de Noemí López. As imaxes constitúen o acompañamento perfecto da historia ao representar, mediante a gama cromática, como un mundo escuro enche con luz e auga o furado da desigualdade.

alba.rozas@usc.es

03 may 2020 / 22:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito