Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un viveirista e unha cociñeira, esta noite en ‘Cos pés na terra’

O equipo do programa da TVG compartirá día cunha rapaza que ía para campioa de salto e traballa na explotación vacúa familiar

Cos pés na terra ten hoxe unha cita en Parada das Bestas, o complexo rural de Pidre, en Lugo, onde María é a chef. Os espectadores do programa da Televisión de Galicia coñecerán esta cociñeira tan natural, a súa horta, os seus galos e algunha das súas receitas.

O equipo do espazo compartirá día tamén con Nerea, unha rapaza que ía para campioa de salto, pero a quen o destino a levou a axudar na explotación vacúa da casa. Con ela aprenderán toda unha lección de vida.

Ademais, o programa da TVG visitará a Fran no seu viveiro en Tomiño, un dos máis importantes de Europa cultivando bambú, onde hai moitas especies e mesmo unha delas servía para facerlle os bastóns a Charlot.

Por outra parte, Loly Gómez recibirá hoxe en A revista o ortodoncista Juan Carlos Pérez e o traumatólogo deportivo Adrián Gallego, que falarán de como está afectando a COVID-19 ao estado da nosa boca e ao dos nos ósos.

Incidirán tamén no período de adaptación e da volta á actividade deportiva despois de superar o virus.

O Entroido é tempo tamén de filloas. Por iso, o espazo conectará, en directo, con Boqueixón, localidade onde existe unha longa tradición na elaboración deste produto, tanto na súa variedade doce como salada, para que Carmen Mella lle amose á audiencia o proceso de preparación desta deliciosa receita e para tamén para falar con Xosé Manuel Lobato, escritor e voceiro da recoñecida Festa da Filloa de Lestedo.

Así mesmo e coma cada luns, a presentadora Loly Gómez desenvolverá unha mesa de sucesos na compaña do avogado penalista Alejandro Vega e da xornalista do ABC Patricia Abet, para analizar algúns dos crimes e das novas máis salientables neste campo dos últimos días.

A xornalista Carla Reyes será a colaboradora que estará hoxe no estudio para analizar cada un dos temas expostos nesta sección.

Tamén visitará o programa Lola Pérez, xornalista do espazo Casamos!, que esta semana regresa á canle autonómica con novas entregas que foron gravadas durante a pandemia do coronavirus.

o ‘zigzag’, na G2. O programa entrevista hoxe o polifacético escritor cormelán Suso Lista, que foi percebeiro durante gran parte da súa vida, pero que amosa unha gran paixón pola literatura desde que era pequeno.

O autor falará do seu último libro, Como a roda no muíño, que presenta o ciclo da vida narrado como unha roda que xira e xira para brindarnos con mestría un mundo onde o cotián se converte moitas veces en absurdo.

Está dividido en breves capítulos que se corresponden ás etapas do camiño.

O surrealismo domina na lectura desta novela, en que se mesturan gastronomía, música e tamén historia.

Por outro lado, o espazo da G2 presentará todo un misterio sen resolver, o do nome do historiador que convidou ao antano xornalista e agora debuxante Juan López Rico a facer as viñetas do libro Santiago en Compostela, unha aproximación á cotiandade dunha personaxe, a do Apóstolo, transitando coma un santiagués máis na cidade de hoxe.

Outra das protagonistas será a artista Fernanda Fragateiro, que traballa na dimensión poética da documentación. A súa exposición Materials Lab, que se pode ver na Fundación Didac de Santiago, é un crebacabezas sen imaxe definitiva, onde o baleiro actúa como causante, en caixas que actúan como relatores.

15 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.