Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Unha aventura feminista e tamén ecofeminista moi necesaria sempre

O xénero histórico-fantástico caracterízase por crear mundos alternativos ao real que proporcionan aos lectores claves de interpretación de pautas de comportamento que, a pesar de estaren envoltas no extraordinario e na maxia, forxan modelos de condutas sociais que favorecen o pensamento crítico e divirten ao tempo que ensinan. Este universo inventado no que a maxia adopta a cor de quen a manexa é a premisa da que parte a luguesa María López Sánchez (especialista en espazo, paisaxe e territorio como imaxinarios identitarios do ser galego) para crear A noite da deusa (Galaxia, col. Costa Oeste, 2020), novela finalista no premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña no 2019, na que nos presenta unha aventura feminista necesaria na que a salvación das mulleres pasa pola eliminación da cultura patriarcal e por un necesario achegamento á natureza.

Para iso, crea un mundo arcaico ao que chama Inframundo (que describe na primeira parte da novela), espazo de reminiscencias clásicas (unha pitonisa, variados obxectos sagrados ou talismáns, ofrendas, ritos purificadores de auga e lume, sacrificios, liderados, etc), no cal as mulleres malviven sometidas pola figura masculina do feiticeiro Andros, que perseguirá a ousadía daquelas que se atrevan a loitar para non ser máis maltratadas e infravaloradas, así como ignoradas e invisibilizadas, no mundo exterior.

Esa necesidade de loita -tan dolorosa- de saír dese lugar levarase a cabo na seguinte parte da novela titulada No mundo exterior, na que asistimos ao periplo, pero tamén á intransixencia e falta de solidariedade e sororidade das propias mulleres, tal é o caso de Eleanor, que resultará un obstáculo para Xía, a protagonista central e encargada de devolver a forza ás mulleres e restablecer o equilibrio, misión espiritual na que descubrirá quen é e do que é capaz de facer para si mesma e para as súas conxéneres. Descubrimento que terá lugar na última parte do libro, O val das mouras, na que as mulleres logran, a través da unión e da loita, así como do achegamento á natureza e á memoria, a utopía de camiñaren á beira dos homes en pé de igualdade.

Novela con vontade de mobilizar conciencias e animar á conquista dos espazos vetados, abandonando a invisibilidade, aínda que resulte un ámbito confortable, escrita cun estilo retórico, elegante, solemne, primoroso nas descricións desa natureza necesaria para ese ansiado equilibrio social e na construción e caracterización destas personaxes femininas heroicas tan necesarias.

palabrasdepan@gmail.com

01 feb 2021 / 00:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.