Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Unha bárbara achega necesaria e desenfadada á menstruación

Xerais vén de publicar Bárbaras! Unha achega desenfadada á menstruación para adolescentes divers*s (e non só), a última obra de María Reimóndez (Lugo, 1975). Insírese na colección “Seica”, recentemente engadida ó catálogo da editorial e orientada a coñecementos de divulgación científica.

Precedido dunha presentación na que a autora expresa os motivos que a levaron á súa escrita, o libro artéllase en catro seccións. A primeira delas, “Muller”, actúa a modo de marco teórico e punto de partida dos contidos que deseguido se abordan. Principia cuestionando o valor asociado á menstruación como capacidade reprodutiva, propón repensar o “masculino” e o “feminino” e aporta interesantes achegas sobre os privilexios como forma de poder e sobre identidade de xénero e orientación sexual achegándonos aos termos “cis”, “trans” e “xénero fluído”.

Na segunda sección, “Do espéculo ás fases da Lúa”, fai fincapé na importancia do coñecemento do propio corpo así como da súa aceptación e relaciona o ciclo menstrual coa percepción que a sociedade ten del e as consecuencias que isto implica. Pon o foco tamén no o sistema médico occidental en relación á menstruación e presenta métodos anticonceptivos e métodos de prevención ante enfermidades de transmisión xenital. No terceiro capítulo, céntrase no desexo e o consentimento na sexualidade, analizando a confusión que crean os estereotipos, reflexionando sobre sexualidade e diversidade funcional e sobre a hixiene menstrual como unha cuestión de dereitos.

Finalmente, en “Bárbaras”, incita á reflexión común e a que recoñezamos o outro sentido da palabra “bárbara”, entendendo este termo non só aplicándoo a arrepiantes prácticas culturais, senón tamén aplicándoo a aquelas persoas portentosas e indómitas. Unha necesaria aportación escrita dende o amor ó propio corpo.

Esta lectura de María Reimóndez que encarecidamente recomendamos a adolescentes e xa non tan adolescentes, non só cumpre o cometido de informar sobre a regra. Con moreas de anécdotas, preguntas formuladas e información adicional engadida grazas a códigos QR, fai que o lector se cuestione e reformule moitas das conviccións sociais nas que acotío nin se repara. A menstruación como tema central abórdase dende perspectivas que poñen sobre a mesa temas como a diversidade afectivo-sexual, o sexismo, a aceptación, a transfobia, a desigualdade, os dereitos humanos ou o racismo e que de seguro non van deixar indiferente ao lectorado.

inesmosquerac@gmail.com

21 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.